VERBO DUNHAS ESTATUAS DE GUERREIROS GALAICOS DE GRANITO CON SAIOS DECORADOS

 

 

André Pena Graña

 

Arqueólogo do Concello de Narón

 

* * *

 

 Como no Antigo Exipto, en toda Europa expoliáronse e expólianse túmulos, e ainda que fora por excavar ao longo de 17 anos 890 túmulos na necrópole de Hallstatt un caso famoso o relativamente recente expolio (1846) do intendente de minas Johan Georg Ramsauer, quen chegóu a desenterrar 19.490 obxectos, considerando o alcance das aperturas masivas de mámoas rexistradas en Galicia, a mencionada violación da necrópole de Hallstatt seria cousa anecdótica sen dúbida comparada co caso a principios do século XVII de Pedro Vazquez de Orjás, crego, señor do couto de Recemil en Lugo, que, segundo o conta Martinez Salazar (BRAH. III. 1909), conseguira do rei Filipe III no ano 1609 unha cédula para abrilas mámoas e collelos tesouros dos gentiles galigrecos superando a expoliación as tres mil cámaras. Ainda que como é de esperar é un misterio a contía do expolio, e ainda que o señor de Recemil e a ciencia do seu tempo non estaban en condicións de datarnos a idade dos túmulos, ou de facernos coma Ramsauer diarios de excavacións ou demoradas acuarelas como as encargadas polo intendente de minas ao seu amigo Isidor Engel, a experiencia expoliadora do señor crego, polo metodo do ensaio e do erro na avaliación de rendimentos (presumiblemente superior en resultados á dun arqueólogo actual que excava seguramente túmulos violados centos de veces), e polo alcance da mostra (casi seis veces superior á de Ramsauer na necrópole de Hallstatt), Vazquez de Orxás sí que estaría sequer intuitivamente, coma un cociñeiro cos centolos, en condicións de saber con antelación que túmulos eran productivos  (¿posibles enterramentos individuais do Broce ou do Ferro?) e que túmulos non.

 

¿Poderían abarcar estas expoliacións mámoas -no que Steuer (1979, pp. 631-2) denomina “second oldest profession in the world”- que irían dende o Neolítico ata a Idade de Ferro  (Arnold, 1995 p. 51), momento no que se estaban a facer enterramentos tumulares no Atlántico como o amosan os funerais de Viriato e posiblemente os guerreiros castrexos arrincados dos seus túmulos, destrozados ou reutilizados, pero que nalgún caso, aparecerían descritos no lugar de seu nos diplomas medievais?

¿Sería posible por este camiño que, presumiblemente máis ricos, os grandes túmulos da Idade do Ferro, similares aos do mesmo contexto cultural Atlántico que compartimos, baixo a piqueta demoledora dos cobizosos buscadores de tesouros, dende os alicerces, desapareceran totalmente, sin deixar rastro? Cecais non o saibamos nunca.

 

                                 

   Lezenho, ex A.C.

   Ferreira da Silva

 

É precisamente nos túmulos da Idade do Ferro, nas tumbas de carro onde supostramente aparecerían estatuas de guerreiros, como no resto da céltica como as estatuas de Kilchberg ou de Ditzingen (Hirschlanden, Baden-Württemberg, da segunda metade do s. IV a. C.), gerreiros representados heroicamente no mundo celta con con torques, viriae, escudo armas e cinturón, similares aos galos heroizados coma o de Mondragon (Vaucluse); unha heoización que en Galicia viria reforzada pola presencia da saia corta decorada con cadros dispostos ao “bies” de tradición Atlántica ( remontable aos tecidos do neolítico e a ambientes luxosos como o eran a representación da decoración, das paredes das tumbas simulando colgaduras e dos vestidos dos deuses dos ídolos placa) polo escudo ou caetra, polo luxo da camisa e da saia.

 

Ninguén cunha mediana formación comparativista dubida do carácter funerario das estelas decoradas do suroeste peninsular da Idade do Bronce, que irían colocadas na parte alta do túmulo por máis que ningunha de elas fora encontrada no seu sitio, aparecendo sempre estas estelas reutilizadas en multiples lugares.

 

 

 

 


                             

                                                                                    

                                                

 

 

                                                    

                                                                 Monte Mociño ex                                 San Julian A.C.

                                                                                       Ferreira da Silva                                 Ferreira da Silva

 

 

Algo parecido debería suceder ao noso modo de ver cos guerreiros castrexos, pensados para ser colocados encima dun túmulo funerario (túmulos testemuñados pola mencionada descripción do enterro de Viriato), representando a un nobre celta heroizado ao xeito indoeuropeu, esto é co torques de ouro, coas ostentosas viriae de varios touros tamén de ouro, co sagum, saio ou camisa-saia e ainda con saios de dúas pezas compostos de camisa con escote triangular posiblemente con bordados de ouro ou de prata, e dunha saia curta decorada con cadros de cores, a diferencia das actuais saias escocesas, dispostos ao “bies”.

   

       

  O feito de que a estatuaria antiga de bulto redondo castrexa non estivera policromada, estándoo a estatuaria  de comparables horizontes culturais Atlánticos e centroeuropeos, sería surprendente. Esta hesitación de ter lugar pódese aclarar cunha ollada aos dibuxos que con extraordinario detalle contendo unha análise descriptiva dos guerreiros castrexos da Gallaecia Bracarense figuran representados nas estampas CXX e CXXI. da monumental síntese  intitulada “A Cultura Castreja no Noroeste de Portugal”  de Armando Coelho Ferreira da Silva.

                             

                                                                                               

Recoñocemos nun dos dibuxos mencionados unha saia suxeita cun cinto. Son cinturóns con nervuras laterais e presillas cecais metálicas e con apliques áureos, non é posible coñocer o tipo de fivelas ou placas activas coas que brocharían estes cintos agochados tralas caetras, máis segundo se desprende da complexidade e aparato decorativo do aplique que no lombo serve de contrapunto ao cinto con forma de rodete, este peche dianteiro para abrochar o cinturón sería unha complexa e luxosa placa ou fibela profusamente decorada, cousa imposible de demostrar por tapar, como dixemos, a caetra que sosten nun alarde marcial de frontalidade o guerreiro castrexo, o peche do cinturón.

 

 

 

  Considerando o precedente, ben que lonxano cecais do século VII a.C., da fibela ou placa de cinturón atopada por Antonio de la Peña Santos no castro de Torroso (Mos, Pontevedra) de bronce con damasquinado de prata e pasadores de ferro, e outros, coa debida reserva que demanda o caso, podemos pensar que a fibela, a placa activa ou o peche de cinturón estaría  noblemente decorada.

 

   Os detalles decorativos da placa discoidea lumbar do cinturón de algúns dos guerreiros castrexos son anteriores romana de Galicia, este é oromana de Galicia, este é o caso do trisquel que aparece na estatua de guerreiro atopado no lugar de Campos por L. F. Guerra no ano de 1905, estando clarísimamente emparentado cos trisqueles latenians británicos que decoran profusamente unhas pezas de vidro que un conservador do Museo Británico (I. M. Stead) considera pertencerían a un xogo de competición presumiblemente similar ao parchís, aparecen nunha tumba, excavada en Hertfordshire en 1965, de Welwyn Garden City.

 

Os guerreiros levan puñais triangulares, non necesariamente romanos ao aparecer este tipo de armas nunha área moi extensa de Europa da Idade de Ferro (Wandsworth p. e.), con pomo redondo, en vainas cecais con travesas de bronce rematadas con conteiras de perfil circular. Uns puñais ou espadas cortas en ocasións suspendidas do cinturón por correas (Ferreira da Silva 305) similares senón estilistica ao menos funcionalmente ao puñal de 38 cms de longo xa desaparecido atopado no rio Witham e publicada en 1863 por A. W. Franks.

 

 

As caetras redondas que frontalmente sosteñen os guerreiros castrexos con umbos e decoración chamada “en labirinto” son idénticas as que aparecen representadas nas moedas “de Carisio”  acuñadas durante as chamadas  Guerras Cántabras, flanqueadas  de  espadas  de

                                        

 

                                         Funda de espada do

                                                      Támesis, siglo II a de C.

 

pomo redondo, de antenas, e ainda de falcatas, de lanzas, de cascos decorados con cornos de asta o antenas, e de armaduras; o suposto labirinto é en realidade un motivo decorativo de combinacións de cuadrantes semicirculares dispostas en torno a un motivo cruciforme que pode ter unha longa pervivencia dun modo comparable á chamada cruz celta

 

Segundo a nosa interpretación do guerreiro Castrexo da citania de  San Juliao, Ponte Coucieiro, Vilaverde, representado co nº 4 da Estampa CXX, de Ferreira da Silva a decoración lateniana de palmetas do segundo estilo Waldalgesheim da camisa ou sagum con escote de pico non se corresponde coa tardía inscripción latina da caetra “MALCEINO DOVILONIS F.” que sería cecais uns catrocentos anos posterior á confección da estatua.

 

 

O nobre ou príncipe (estatus establecido pola fachenda con que dun modo similar aos deuses lucen os guerreiros castrexos o torques ao colo e as viriae nos brazos) aparecería aquí vestido cun saio de duas pezas como se aprecia con facilidade nos guerreiros castrexos ornamentados con decoracións derivadas das palmetas e das flores de loto etruscas, ou greco italianas chegadas ao atlántico e ás Illas Británicas pola via do tráfico mercantil e ideolóxico, decoración adscribible ao chamado estilo I ou ao estilo II dun arte insular celta estudiado por Paul Jacobsthal, por J. M. de Navarro, e  recentemente por  J. V. S. Megaw & M. Ruth Megaw.

Si resulta frívolo soster polas boas, que toda a estatuaria castrexa é da época romana, atribuir esta estatuaria a supostos colaboracionistas romanos é unha necedade.

Non se pode decir que antes da conquista romana a antiga Gallaecia non coñece a escultura cando son obra galega osos bronces votivos sacrificiais do Noroeste (verdadeiras obras mestras da arte atlántica á cera perdida da Idade do Ferro), datable por Blanco Freixeiro no S. III a. C. contemporáneas das estatuas dos principes castrexos que presentan decoración latenian, e ainda puideran ser realizados estes bronces votivos sacrificiais para conmemorar as cirimonias da súa entronización.

 

 

Un dos dous guerreiros galaicos que aparecidos no lugar de Outeiro Lezenho, Vasconcelos, Portugal  serían gardados no adro da igrexa parroquial de Cobas de Barroso, antes de conservarse no Museu Nacional de Arqueologia e Etnoloxia de Lisboa, ámbolos dous probablemente da mesma man segundo Ferreira da Silva (pp.305, nº546/2)  que os dibuxa demoradamente, presenta a típica camisa longa, saio ou sagum cun escote en ángulo ornamentado con motivos xeométricos de circos concentrico encadeados, motivos decorativos antigos, bastante desgastados no tronco, e con escaqueado de liñas oblicuas con losanxos inscritos na saia. Son precisamente os tecidos en cadro ao “bies” que aquí presentamos os panos dos que fala Diodoro Siculo  para os galos e Plinio o Vello (Mª. Jesús Carrera Arós 2000, en prensa) para os lusitanos cando “referíndose ás lás de Salacia incómodas para confeccionar tecidos de longos flecos dí en troques que resultan moi apropiadas para os tecidos en cadro”.

Abaixo con decoración do segundo estilo de Waldalgesheim, os “Chevrons” ou “dentes de lobo” que indican a utilización no Noroeste do tear de catro barras podense ver nun guerreiro galaico de Outeiro Lezenho, parroquia de Campos, concello de Boticas.

 

 

 

 

 

 

 

 


     

 

 

 

 

 

 

Sería posible que certo parentesco de motivos decorativos presente na estatuaria de Outeiro Lezeño respondera incluso a tipoloxias familiares sendo constatable a concomitancia decorativa dos losanxos nas mencionadas estatuas principescas.

 


Bótase de menos nestas representacións a capa de liño, de lá ou de picote que a altura da clavícula dereita iría prendida dunha grande fivela.  O sagum ou longa camisa, ou a camisa e a saia corta, respondería a un intento de heroizar ao príncipe difunto, e probablemente formaba parte do atuendo militar da nobleza celta da antiga Gallaecia.

 

 

 

 

Ainda que a espida forma do saio (sagum) ou da camisa e a saia prefírese nas representacións plásticas por respostar mellor ao ethos heróico, coas camisas emprégaríanse tamen pantalóns, as brachae ou cirolas suxeitas cunha faixa, tal e como na Historia Ilustrada de Narón (E. Merlán, A. Pena e A. Filgueira) os representamos para ilustrar unha célebre cita de Estrabón, e ainda coñocemos polo rexistro a modo de pasadores para suxeitar as camisas de liño unha especie de trabelas de bronce. Si temos en conta que a chaqueta corta e o pantalón do actual traxe popular galego foi introducida en Galicia  nos arredores da vila do Ferrol a finais do século XVIII, tiveron estas prendas longa duración sendo posible que o atuendo popular do labrego: camisa, cirolas, faixa e capote, variara moi pouco ao longo do tempo, e ainda que os cambios no atuendo feminino son outra danza, non hai que esquecer que a dona galega, segundo as fontes clásicas, xa daquela vestía de negro e levaba a saia adornada con froles bordadas; tampouco é novidade que estas bailaran coma hoxe en roda, ou que fixeran pandeiradas batendo no escudo pendurado do pescozo coas máns os homes, ao parecer aturuxando e bailando marcando o punto cos pes no chan, alterno pede, dúas veces cun pé e unha co outro e axionllandose.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


En este contexto non é surprendente que o profesor emérito bretón da UBO, Robert Omnés, sostivera que ao igoal que sucede coas tríadas bretonas a pandeirada galega fora música militar.

 

Ladeando os problemas da orixe da saia escocesa emparentada cecais con aqueles tecidos dos principes celtas estudiados polos aqueólogos nos anos noventa (Bender, L. 1992); (Masurel, H. 1990); (Moullerat, C 2000); (Wayland Barber, E. 2001 ed. esp.), no deixa de ser unha coincidencia o feito de que  a excepción dos cadros ao “bies” do chamado Heroon de Glanum de St. Rémy-de-Provence, do s. III a. C. a primeira vez que aparece representada na plástica Céltica Atlántica, a saia de cadros, é precisamente nos cadros ao “bies” de tradición Atlántica dos guerreiros galaicos e, casualmente, Como xa o sinalara Untermann esto sucede tamén precisamente coa propia voz Celta que agás a célebre cita de César nos Comentarios á Guerra das Galias, mentres que en Galicia esta voz “celta” e “celtico” estaría porfusamente representada en numerosas inscripcións nos antropónimos, topónimos e teónimos non se encontra recollida na Idade do Ferro en ningún outro país da Céltica.

 

Segundo se desprende dun recente artigo de Chistophe Moulherat 1, arqueólogo especialista en textis antigos, pois ainda que se testemuñan nunha amplia área xeográfica, dende as minas de sal de Hallstat en claro contexto celta estes cadros “escoceses” como o amosan uns tecidos de sarga perfectamente conservados cunha cronoloxía dende o ano 1200 a.C. ao 400 a.C , abarcarían -como o ven de estudiar Elizabeth Wayland Barber de quen tomamos os precedentes exemplos- incluso ata o corazón de Asia, como sen discusión o amosan as roupas que visten as momias de Ürünchi na rexión de Uigur na China occidental, momias indoeuropeas de cabelos loiros e de posible fala tocaria, lingoa esta ultima que formando parte do protoindoeuropeo ao tempo que, sospeitosamente sin gardar parentesco coas lingoas indoeuropeas orientais, presenta sorprendentes afinidades coas lingoas celticas que se falaban no Atlántico, e ainda có latín.

 

 

 


 

 

 

 

 

 

            Cadros escoceses das minas de sal de Hallstatt              Sarga de lá con cadros escoceses atopada en

                 Austria 1200-400 a.C.                                                       occidental 1200-700 a. C.

 

Co dito nos precedentes parágrafos podemos aventurar que o berce probable de estes motivos decorativos dos teares indoeuropeos de catro barras, nos precedentes motivos dos teares de duas barras do Neolítico Atlántico é abondo posible como o amosarían as pinturas dos dólmens galegos que como xa  temos mencionado en outro lugar e tempo representarían, seguramente, esquevomorfos de estampados de tecidos e de colgaduras, que repetíndose asemade na profusa decoración dos ídolos placa do Neolítico Atlantico peninsular -que aparecerían tamen nos considerados cetros o báculos de mando - sería indicativa de motivos e de cores de roupas .

Como non deixa de suxerilo xa Wayland Barber a propósito das momias de Ürünchi  estes cadros e cores das roupas cecais a traverso da combinación das mesmas cores dos tecidos en cadro poideran ser indicativas do rango e da liñaxe de quen os porta, do nobre que con fachenda cecais empregaría no propio cetro os cadros e as cores -no rebumbio “melusino” das xenealoxías celtas- cecais indicativos da mesma divinidade da que, dende a noite dos tempos, a sua liñaxe consideran descender.

Máis para Christophe Moullerat, arqueólogo especialista en textiles, a diferencia do tecido de cadros, de maior antigüidade, os motivos de losanxos que portan nas saias e nos saios os guerreiros galaicos, cecais similares aos que posiblemente elaboraban as tecelans lusitanas coas célebres lás de Salacia, non se desenvolverían con anterioridade ao século IX a. C., data do desenrrolo da técnica da lanzadeira volante e do tear de catro barras que permite novos entrelazos dos fios, e de novos sistemas de tintura.

 

Gracias a esta evolución do tear, as armaduras (ou esquemas de tecido), segundo Moullerat 2 “diversifícanse, sendo a principal o asargado que consiste en producir esquemas oblicuos ou diagonais alterando o ritmo normal de entrecruzado fio a fio, de urdimbre e trama […] o asargado é básico para a confección de motivos como os dentes de lobo (Chevrons) e losanxos, mois propios tamen de este momento” (estase a referir aos séculos que fan do IX ao IV).Os celtas  empregaban  numerosas  fibras sobre todo a lá e  os pelos de diversos animais  (a gamuza, o porco, o

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

                            Tecido similar de sarga de cadros “escoceses” de seis cores da misma e

                                      procedencia segundo E. Weyland.

boi, a delonciña e o porco teixo), e as fibras vexetais como a ortiga, o liño e o cáñamo, como o amosan, documentadísimos na Europa continental envolvendo, os enxovais, armas e baixela de mesa convintemente embalada, os  restos non mineralizados de tecidos, ben que escasos, coma os atopados na tumba da primeira Idade do Ferro do principe de Hochdorf (Alemania) ou dunha tumba principesca de Vix (Côte-d`Or) –onde apareceran tamén restos de seda-, testemuñandose os aristocráticos  losanxos nestes tecidos presentes tamén nos embalaxes de enxovais de moitas tumbas celtas -sinalando neste sentido Moullerat as excavacións das tumbas de Apremont (Haute-Saone), en Sainte Colombe e as de Trembloi (Côte-d`Or)- excavadas en Francia.

 

                                                        CONCLUSIÓN

 

Xeneralizándose entre a nobilitas provincial, que non provinciana, a moda e a onomástica imperial, substituiríase pola toga galaico-romana o sagum indíxena con cadros ao biés. O fenómeno continuaría ao adoitar as elites colonizadas os nomes e os modos dos dominadores romanos, considerados máis finos, nun proceso abondo familiar aos galegos de hoxe, de lembrar nosas novidosas Jessicas, Vanessas e Jonatanes, enxebres pola súa extensión e difusión que suplantan no afecto popular aos (no seu día) non menos novidosos nomes de Dolores ou de Lola, de María ou de Maruxa, de Carme, de Xosé ou de Pepiño, e a un amplo santoral tradicional longo de enumerar, substitutivos das (avellentadas novidades onomásticas chegadas cós suevos periclitadas nas urbes e no campo coa entrada da modernidade) Hermesendas, das Visclávaras, dos Munios e dos Froias.Renegando aos poucos dos familiares apelativos de Caturo, de Camalo, aínda de Burro (prestixioso nome significando posiblemente en lingua indíxena “pelo crecho”, coma o dun lobo), os señores galegos na dominación romana adoitaron os nomes de Victorinus (seguramente traducción latina do mencionado Caturus), ou de Hirsutus, quizais latinización do anterior Burrus.

 


Coma quer que fose os cambios formais nos nomes afectaron tamén aos vestidos substituídas as Apanas e as  Arabas celtas das liñaxes galegas polas non menos liñaxistas Iulias e Livias. Se quer por unha vez elas non tiveron a culpa.

 

Considerando o nobre Galaico superior á súa morixerada  (dura et adstricta parsimonia) cultura celta o mol costume do dominador romano, o ancestral uso de lucir os señores do país saias de cadros ao biés desaparece  para sempre, e, de ter lugar, a posible tradición non menos inveterada de distinguirse con eles.

 

Continuando a vestir as mulleres de negro e con saias floreadas e os homes co uso da camisa, da faixa e das cirolas, en nada afectarían estes cambios aos campesiños e ás campesiñas, nin á esencial mantenza dos usos e das costumes xurisdiccionais e das simboloxías heráldicas de tradición celta, nos castros e nas aldeas (vici, pagi aut castella) das tribos galegas.

 

 

 

[1] MOULHERAT, Christophe 2000 Los tejidos de los príncipes celtas. Revista  INVESTIGACIÓN Y CIENCIA, agosto de 2000 pp. 22-29.

 

2 MOULHERAT, Christophe 2000 Obra citada. p.24.

 

© André Pena Graña. 2002