Consellería de Medio Ambiente

O MÁXIMO DE CAPTURAS DE TROITAS POR DÍA E PESCADOR QUEDA FIXADO EN 8 OU 10 EXEMPLARES, DEPENDENDO DE CADA ZONA

A dimensión mínima da troita e os límites de capturas constitúen unha das principais novidades da tempada de pesca fluvial que arranca en Galicia, con carácter xeral, o vindeiro domingo. 11 brigadas contratadas por Medio Ambiente están a limpar os principais tramos dos ríos para facilitar a practica pesqueira. A comunidade autónoma conta cun total de 142 coutos de pesca.

Santiago de Compostela,  martes, 14 de marzo do 2006

A nova tempada de pesca fluvial arranca en Galicia, con carácter xeral, o vindeiro domingo día 19 e prolongarase ata o 15 de agosto, segundo establece a orde sobre as normas de pesca en augas continentais da comunidade autónoma que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 28 de febreiro. Unha das principais novidades consiste nos cambios nas dimensións e límites de capturas da troita. A talla mínima autorizada para cada exemplar varía entre os 17 e 23 centímetros, en función de cada tramo de río ou de si se trata dun encoro. A cota máxima de capturas por pescador e día quedan establecidas en 8 ou 10 troitas, segundo a corrección de erros da orde que o DOG publicará nos vindeiros días.

 

Deste xeito, as dimensións mínimas das troitas que se poderán pescar nos ríos galegos e as cotas de capturas son as seguintes:

 

 

Esta relación de tallas e capturas da troita, que terá efecto tanto en tramos libres de ríos como nos coutos de pesca, se establece en función dos límites xeográficos que se sinalan no anexo da orde que regula a tempada de pesca fluvial de 2006. As zonas de pesca da troita fixáronse dacordo cos estudios que realizou o equipo técnico da Consellería de Medio Ambiente.

 

Nun esforzo de favorecer un aproveitamento sostible da pesca fluvial en Galicia, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza adaptou, no caso da troita, a dimensión mínima e o número de exemplares que se poden capturar en función da cada tramo de río e da súa taxa de crecemento.

 

As sociedades colaboradoras de pesca que desexen cambiar os tamaños mínimos ou límites de capturas establecidos nos cotos de pesca que xestionan poden solicitalo na Dirección Xeral de Conservación da Natureza ou nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente. Calquera modificación solicitada e aprobada se comunicará mediante o correspondente anuncio que se publicará no DOG.

 

Outras novidades da tempada de 2006

Entre as novidades desta nova tempada de pesca fluvial está na veda da pesca do reo en zonas de desembocadura dos ríos, dacordo co establecido na Lei de Pesca Fluvial e no seu correspondente regulamento.

 

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible tamén estableceu o aprazamento da apertura da pesca fluvial ata o 1 de maio en ríos e tramos de montaña co fin de favorecer o desove que se produce máis tarde nesas augas ao ser as máis frías.

 

A diferencia do establecido para o pasado ano, tamén cabe destacar que en 2006 só se autoriza capturar durante todo o ano ciprínidos e perca negra. En ningún caso poderase capturar troita fora dos períodos fixados para cada tramo de río.

 

Outras das principais novidades desta campaña consiste en declarar os luns días hábiles para a pesca de ciprínidos nos encoros e outras masas de auga de réxime especial fóra do período hábil para os salmónidos.

 

En Galicia serán inhábiles para a pesca os luns, agás festivos nacionais e autonómicos e o sinalado para os encoros. Hai unha excepción a esta norma: nos tramos do río Navia compartidos con Asturias e nos coutos de Abres, a Pontenova e San Tirso, o xoves é o día inhábil para a pesca fluvial, agás festivos nacionais.

 

Ao igual que en anos anteriores, só se poderá pescar no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta.

 

Na actualidade, estase a limpar os coutos de pesca nos ríos de toda Galicia. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun esforzo por mellorar o estado dos seus coutos fluviais, contratou en total 11 brigadas de persoal (tres en cada provincia agás na de Pontevedra onde son dúas) que xa están a realizar estas tarefas de limpeza. Cada brigada está composta por un capataz e cinco operarios.

 

Coutos de pesca

Galicia conta en total con 142 coutos de pesca. Os de troita (100) son os máis numerosos. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza outorgou o pasado ano 80.682 licencias para pescar nas augas continentais da comunidade autónoma.

 

 

 

Coutos de troita

Coutos de salmón

Coutos de reo

Pesca sen morte

Pesca intensiva

Total

A Coruña

23

1

8

2

1

35

Lugo

38

9

1

4

1

53

Ourense

11

1

--

4

1

17

Pontevedra

28

4

2

3

--

37

GALICIA

100

15

11

13

3

142

 

 

Normativa de Pesca para Galicia 2006.pdf