Orden do 6 de Febreiro de 1998 pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia

 

 

Dada a crecente importancia que ten a recollida de poliquetos no litoral galego e o seu crecente valor comercial, faise necesario regulalo co fin de preserva-lo recurso.

Á Lei 6/1993, do 11/05, de pesca de Galicia establece que toda explotación de recursos mariños deberá realizarse de forma controlada e non se permitirá, en ningún caso, ningunha actividade que non estea autorizada debidamente.

  O Decreto 425/1993, do 17/12, establece que par realiza-la extracción de recursos mariños é necesario estar en posesión do permiso de explotación. Se o dito permiso é para a extracción de recursos específicos virá condicionado á inscrición previa do seu titular nun plan de explotación específico.

Con base nas competencias atribuídas na Lei de pesca e no Decreto 425/1993, e unha vez consultado o sector,

 

DISPOÑO 

 

Artigo 1º

Autorízaselle-la extracción de poliquetos (vermes mariños) en augas e zonas marítimo-terrestres do litoral de Galicia a aquelas persoas que, contando co correspondente permiso de explotación, cumpran os requisitos esixidos nesta orde. 

Artigo 2º

  1.  A extracción de poliquetos poderá ser realizada mediante dúas modalidades distintas:

    a) A pé.

    b) Mergullo.

2. Na modalidade a pé poderase utilizar un sacho, pa ou forquita. 

   Na modalidade de mergullo, unicamente poderá realizarse a extracción de poliquetos a man, podendo axudarse cunha panca. 

En ámbalas dúas modalidades, se se levantan ou removen substrato ou pedras, deberán volverse a colocar na posición orixinal para evitarlles danos ós organismos epibiontes. 

Artigo 3º

A explotación de poliquetos requirirá a presentación dun plan de explotación segundo o establecido no Decreto 425/1993, do 17/12 (DOG nº 13, do 20/01/94). O dito plan deberá contar con informe favorable da/s confraría/s do ámbito territorial onde se vaia desenvolver. 

Artigo 4º

1. Todas aquelas persoas que queiran dedicarse á extracción de poliquetos deberán figurar nun plan de explotación e estar en posesión dun permiso de explotación de poliquetos segundo o regulado no Decreto 425/1993, do 17/12.

2. Para as persoas que pretendan realiza-la extracción por medio de técnicas de mergullo, o permiso de explotación quedará condicionado á posesión da titulación profesional correspondente.

  3. O permiso de explotación poderá ser compatible coa explotación doutros recursos, en ningún caso poderá simultanearse a explotación.

   4. Para renovación do citado permiso, acreditarase unha actividade extractivo suficiente. 

Artigo 5º

A extracción de poliquetos (vermes mariños) en calquera das súas modalidades poderá realizarse tódolos días laborables, agás os sábados e en horario comprendido entre dúas horas antes e dúas horas despois da baixamar diurna, sen que en ningún caso poidan superarse as 17 horas. 

Artigo 6º

1. Establécese, con carácter provisional, unha cota de capturas que será de 800 individuos/día por persoa autorizada.

2. Non obstante, poderá modificarse a dita cota en función do estado do recurso.

3. Suspenderase a explotación cando o rendemento medio por día das capturas experimente un descenso superior ó 40% do rendemento medio diario obtido nos primeiros 15 días. 

Artigo 7º

Con carácter xeral, para a explotación comercial fíxase unha veda para a extracción de poliquetos comprendida entre o 1 de novembro e o 15 de marzo, podendo a Dirección Xeral de Recursos Mariños modifica-lo dito prazo, se o considerase necesario, en función da situación do recurso. 

Artigo 8º

1. Tódalas extraccións pasarán polo punto de control que para tal efecto determine a confraría.

2. Con periodicidade quincenal as confrarías deberán envia-los datos das capturas á Unidade de Estatística da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. 

Artigo 9º

O disposto nos artigos do 1º ó 8º non será de aplicación:

1)  Ás persoas que sexan titulares do permiso de pesca de recreo, que poderán recoller un máximo de 50 individuos/día.

2) Ás persoas que teñan permiso de explotación para embarcación con artes de anzol e que estean utilizando poliquetos como cebo, deberán solicitarlles ás delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura autorización para a captura de poliquetos indicando datas, zonas e nº de individuos que necesitan segundo a arte. 

En ningún dos dous supostos poderán realizarse extracción naquelas zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos. 

Artigo 10º

O incumorimento do regulado nesta orde será sancionado de acordo co establecido na Lei 6/1991, do 15/05, de infraccións en materia de protección de recursos pesqueiros-marisqueiros. 

Disposicións adicionais

Primeira.- Para efectos desta orde enténdense por: 

a) Poliquetos: invertebrado mariño, pertenecente ó tipo de anélidos, comúnmente utilizado como cebo e co corpo dividido en segmentos ben desenvolvidos; os segmentos poden ir provistos de diversas prolongacións, denominadas parápodos, compostas por un ou varios lóbulos e un número variable de serdas quitinosas ou quetas.

b) Forquita: o instrumento consistente nun só pao ou mango que acaba, nun mesmo plano, en dous ou máis dentes, de madeira ou de ferro. 

Disposición derradeira

Primeira.- Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Orde do 6 de febreiro de 1998

 

(D.O.G. nº 33, do 18/02/98)