Regulamento da Pesca Fluvial

 

 

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

 

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

 

Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

 

A pesca fluvial e lacustre é materia da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega segundo atribución feita polo artigo 27.15º do Estatuto de Autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, en relación co artigo 148.1.11º da Constitución, sendo regulada pola Lei de Galicia 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, cunha remisión normativa, tanto xeral como concreta para algúns puntos de determinadas materias, para o seu desenvolvemento regulamentario, que constitúe a fundamentación e determina a necesidade do presente regulamento.

A devandita Lei 7/1992 supuxo para a actividade da pesca continental, o seu fomento e a propia protección e conservación dos ecosistemas fluviais, un enfoque innovador con respecto á lexislación anterior, que pode resumirse a grandes riscos, en tres apartados diferenciados:

- Co obxecto de fomenta-la pesca e as actividades económicas con ela relacionadas, particularmente o turismo, a lei abre a posibilidade de outorgar concesións de aproveitamentos piscícolas e lotes de permisos a empresas turísticas.

- No eido do fomento e da ordenación dos recursos, cómpre destaca-lo importante papel que a lei atribúe ós coñecementos, científico-técnicos, que deben de quedar reflectidos na práctica mediante a elaboración de planos técnicos de ordenación dos aproveitamentos piscícolas. No mesmo eido da ordenación, establécese unha serie de restriccións ó aproveitamento piscícola e introdúcense os principios da regulación das pesqueiras profesionais, todo isto baixo o espírito do aproveitamento sostible. - Co obxectivo de garantir unha efectiva protección dos ecosistemas fluviais, compatible cos diversos usos dos recursos hídricos e respectuoso coas competencias doutras administracións, a Lei de pesca fluvial introduce conceptos coma o caudal ecolóxico, a alteración da condición natural das augas, os dispositivos de interdicción da fauna ou as masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

Todos estes aspectos innovadores e de incuestionable carácter técnico que se atopan incluídos de xeito inequívoco na Lei de pesca fluvial, precisan dun desenvolvemento regulamentario que, desde un punto de vista técnico, afonde naquelas cuestións nas que a Lei tan só introduce os principios xerais.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e sete.

 

 

 

DISPOÑO

 

Artigo único.

Apróbase o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, que figura como anexo ó presente decreto.

 

Disposicións derradeiras

 

Primeira.- Autorízase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación do regulamento.

 

Segunda.- Autorízase a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para modificar ou actualiza-los anexos NI, IV, V e VI do regulamento.

 

Terceira.- O presente decreto entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e sete.

 

ANEXO

 

REGULAMENTO DE ORDENACIÓN DA PESCA FLUVIAL E DOS ECOSISTEMAS ACUÁTICOS CONTINENTAIS

 

TÍTULO I

 

Obxecto do regulamento

 

Artigo 1º.- Obxecto do regulamento.

 

O presente regulamento ten por obxecto o desenvolvemento e aplicación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, para a conservación, o fomento e o ordenado aproveitamento das poboacións piscícolas e doutros seres vivos que habiten ou poidan habitar, de xeito permanente ou estacional, nas augas continentais, así como os leitos, as marxes ou as ribeiras, tendo en conta as relacións ecolóxicas entre os seres vivos e o medio.

 

Artigo 2º.- Ámbito de aplicación.

 

1.Para os efectos deste regulamento, considérense augas continentais.

 

a)Tódalas augas superficiais, correntes ou estancadas, continuas ou discontinuas, doces, salobres, ou salgadas, de titularidade pública ou privada, tanto de orixe natural, incluíndo ríos, arroios, regatos, lagoas e  marismas, como de orixe artificial incluíndo encoros, pantanos, canles e presas.

 

b) As zonas de desembocadura no mar comprendida entre o límite superior das augas salobres e liñas que se relacionan no anexo I deste regulamento e aqueloutras nas que polo seu interese en especies piscícolas continentais, anádromas ou catádromas, permanentes ou estacionais, cumpra establecer medidas para a conservación, a protección e o fomento destas especies.

 

2.A captura de especies piscícolas nas zonas de desembocadura regularase polo disposto na Lei de pesca fluvial e no presente regulamento. No referente ó marisqueo e á acuicultura nestas mesmas zonas, observarase o disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

 

3.En tódalas augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, e no que afecte as especies anádromas e catádromas, estableceranse os medios axeitados de colaboración entre distintas consellerías para o cumprimento do presente regulamento.

 

4.Para os efectos de interpretación deste regulamento, defínense os termos que aparecen recollidos no anexo II.

 

TÍTULO II

 

Aproveitamentos

 

CAPÍTULO I

 

Licencias, réximes especies e permisos

 

 Artigo3º.- Dereito de pesca.

 

O dereito de pescar correspóndelles a tódalas persoas, sen máis limitacións cás contidas na Lei de pesca fluvial, na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, no presente regulamento e as derivadas da conservación e do fomento da riqueza piscícola

 

Artigo 4º.- Licencias.

 

1.Para poder pescar nas augas continentais galegas é imprescindible estar en posesión dunha licencia de pesca fluvial, que terá carácter persoal e intransferible.

 

2.Para a obtención e a renovación da licencia deberase acredita-la identidade do solicitante, sexa maior ou menor de idade, e aboa-la taxa correspondente.

 

3.Para practica-la pesca do salmón e do reo, así como para pescar desde embarcacións ou artefactos boiantes, ademais da taxa correspondente á licencia de que se trate, deberanse aboa-las recargas específicas que legalmente se establezan.

 

Artigo 50.- Clasificación das licencias.

 

As licencias clasificaranse do seguinte xeito:

 

a) Clase A: válida para españois, outros cidadáns da Unión Europea e estranxeiros residentes, maiores de 18 anos e menores de 65.

 

b) Clase A-1: iguais características cá clase A pero cun período de validez de quince días.

 

c) Clase B: válida para estranxeiros non residentes e cidadáns de países non pertencentes á Unión Europea.

 

d) Clase B-I: iguais características cá clase B pero cun período de validez de quince días.

 

e) Clase C: válida para españois, outros cidadáns da Unión Europea e estranxeiros residentes, menores de 18 anos ou maiores de   65.

 

f) Clase C-I: iguais características cá clase C pero cun período de validez de quince días.

 

g) Clase D: licencia profesional para a pesca de anguía, angula, lamprea e especies de esteiro.

 

h) Clase E: licencia especial para embarcacións e artefactos boiantes que se empreguen no exercicio da pesca.

 

Artigo 6º.- Expedición das licencias.

 

1. Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes serán os encargados da expedición das licencias, sen prexuízo dos sistemas que poidan arbitrarse para a súa recepción polos interesados. Con carácter xeral, o seu período de validez será dun ano, contado desde a data de expedición.

 

2. En cada licencia figurarán, ademais da clase e o número e das datas de expedición e caducidade, os seguintes datos do titular nome, apelidos, domicilio, número de DNI ou equivalente, idade e nacionalidade. Así mesmo, faranse consta-las recargas que, de se-lo caso, faculten o titular para a práctica daquelas modalidades de pesca que os requiran. No caso dos menores de idade, incluiranse tamén os datos do pai ou titor e unha fotografía. Nas licencias de clase D farase consta-la especie ou especies autorizadas e, de se-lo caso, as masas de auga nas que se pode practica-la pesca.

 

3. Para obter unha licencia por primeira vez deberanse supera-las probas que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes estableza para o exame do pescador, nas que se deberán acreditar coñecementos suficientes dos seguintes temas:

 

a) Bioloxía e ecoloxía das especies máis características dos ríos galegos.

 

b) Identificación de especies. c) Normativa legal que regula o aproveitamento dos recursos piscícolas.

 

d) Protección, mellora e conservación do medio acuático. A superación das devanditas probas dará lugar á obtención do certificado de aptitude correspondente.

 

4. Poderán quedar exentos de realiza-lo exame do pescador aqueles solicitantes de licencia que superasen unhas probas semellantes noutra comunidade autónoma. Quedan exentos de realizalo devandito exame os estranxeiros non residentes que soliciten unha licencia quincenal e que estean en posesión no seu país dun título ou licencia equivalente. 5. A licencia perderá a súa validez nos casos de inhabilitación por sanción firme, quedando o titular obrigado a entregala, nun prazo dun mes, no Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural onde fose expedida. Unha vez transcorrido o período de inhabilitación, deberanse superar novamente as probas do exame do pescador antes da obtención dunha nova licencia.

 

5. Os requisitos para a obtención da licencia da clase D determinaranse nunha regulación específica da pesca profesional en augas continentais.

 

Artigo 7º.- Permisos

 

1.Cando o tramo no que se desexe pescar se atope acoutado ou sometido a un réxime especial de pesca, ademais da licencia, requirirase estar en posesión do oportuno permiso para pescar.

 

2. Para a obtención dun permiso será necesario aboa-lo importe do prezo público correspondente.

 

3.Cada permiso será válido unicamente para un determinado couto ou tramo e para un só día de pesca, e unha vez obtido terá carácter persoal e intransferible. O permiso só faculta para pesca-las especies para as que fose expedido e coas modalidades que nel se especifiquen, e leva consigo a aceptación de tódalas normas específicas do couto ou tramo no que se pesque. O incumprimento do anterior levará consigo a rescisión do permiso.

 

Artigo 8º.- Clasificación dos permisos.

 

Establécese a seguinte clasificación dos permisos de pesca:

 

a) Permiso de primeira categoría: válido para a pesca do salmón e demais especies.

 

b) Permiso de segunda categoría: válido para a pesca do reo e demais especies, agás salmón.

 

c) Permiso de terceira categoría: válido para a pesca da troita e demais especies, agás salmón e reo.

 

d) Permiso de cuarta categoría: válido para a pesca de ciprínidos e demais especies, agás salmónidos.

 

e) Permiso de quinta categoría: serán aqueles que a Administración poña á disposición dos concesionarios de aproveitamentos piscícolas para a súa venda ou distribución.

 

f) Permiso de pesca sen morte: válido para a práctica da pesca nos coutos de pesca sen morte.

 

g) Permiso de pesca intensiva: válido para a práctica da pesca nos coutos de pesca intensiva. intensiva.

 

Artigo 9º.- Expedición dos permisos.

 

1. Os permisos de pesca serán expedidos polos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Nos permisos constará, ademais da categoría ou modalidade de pesca, o nome e o número da licencia de pesca do titular, o nome do couto ou do tramo, a data para a que se expide o permiso e o número deste.

3. Nos tramos comparados con outras comunidades autónomas, a expedición de permisos axustarase ós acordos que se establezan entre ámbalas dúas comunidades.

4. Nos tramos internacionais dos ríos das concas do Miño, Limia e Douro, a expedición de permisos axustarase ós acordos internacionais establecidos para o efecto.

 

CAPÍTULO II

 

Clasificación das augas continentais

 

Artigo 10º.- Clasificación das augas continentais.

 

Para os efectos do presente regulamento, as augas continentais clasificaranse en masas de auga de aproveitamento piscícola común, acoutados, masas de auga en réxime da concesión e masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

 

Artigo 11º.- As masas de auga de aproveitamento piscícola común.

 

Serán masas de auga de aproveitamento piscícola común aquelas augas continentais non incluídas en ningún dos artigos seguintes e nas que o exercicio da pesca en cada temporada estea regulado pola normativa de carácter xeral.

 

Artigo 12º.- Os acoutados.

 

Denominaranse acoutados aqueles tramos de ríos, encoros ou lagoas declarados como tales debido ás súas especiais características, e co fin dunha mellor regulación da pesca, e nos que o exercicio desta actividade estea suxeito a normas específicas reguladoras do aproveitamento piscícola. A súa xestión competeralles ós servicios provinciais de Medio Ambiente Natural e para pescar neles deberase estar en posesión dun permiso específico. Clasificaranse do seguinte xeito.

 

a)Coutos de pesca: aqueles nos que se exerza un especial control sobre o esforzo de pesca, de xeito que o aproveitamento se optimice de acordo cuns obxectivos de xestión predeterminados. Subdivídense en:

 

a.1) Coutos de salmón.

 

a.2) Coutos de reo.

 

a.3) Coutos de troita.

 

a.4) Coutos de ciprínidos

.

b) Coutos de pesca intensiva: son aqueles que están sometidos a un aproveitamento piscícola de forma continuada e nos que se poderá recorrer a repoboacións sucesivas para mante-los niveis de aproveitamento.

 

c) Coutos de pesca sen morte: coutos nos que os salmónidos autóctonos pescados deben ser devoltos ás augas inmediatamente despois da súa captura

 

Artigo 13º.- As masas de auga en réxime de concesión.

 

As masas de auga nas que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes conceda o aproveitamento piscícola a unha asociación ou sociedade de pescadores de carácter non lucrativo ou empresa turística, serán denominadas masas de auga en réxime de concesión.

 

Artigo 14º.- As masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

 

Consideraranse masa de auga de especial interese para a riqueza piscícola aquelas que, polas súas características naturais ou interese ecolóxico, requiran unha protección especial. Establécense dúas categorías:

 

a) Tramos protexidos: serán aqueles nos que, polos seus especiais e intrínsecos valores en relación coa fauna ou a flora acuática ou de ribeira, procede a súa catalogación e protección, o establecemento de medidas tendentes á súa conservación e mellora así como a regulación daquelas actividades recollidas no preceptivo plano de xestión.

 

b) Reservas piscícolas: serán aquelas masas de auga con ecosistemas, comunidades ou elementos biolóxicos que pola súa rareza, fraxilidade, importancia ou singularidade deban de ser dotadas dunha protección integral.

 

Artigo 15º.- Creación, modificación e supresión de coutos.

 

1. Os coutos crearanse en masas de auga que nese momento fosen de aproveitamento piscícola común, logo de elaboración dun plano de xestión de recursos piscícolas, é incluirán os 100 m finais de tódolos afluentes que vertan no tramo acoutado.

2. Os expedientes de creación, modificación e supresión de coutos iniciaranse de oficio nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, correspondéndolle á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a competencia para a súa resolución.

3. Os expedientes serán sometidos ó trámite de información pública durante un prazo non inferior a 15 días, que será anunciado no DOG, e informados polo Comité Provincial de Pesca Fluvial.

 

Artigo 16º.- Creación das masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

 

As masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola poderán ser declaradas como tales polo Consello da Xunta de Galicia, logo de expediente tramitado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e sometido a información pública, ou por medio da aprobación dun plan de ordenación de recursos piscícolas no que se atopen incluídas na zonificación correspondente. En todo caso, incluiranse no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia.

 

CAPÍTULO III

 

Embarcacións

 

Artigo 17º.- Embarcacións e artefactos boiantes.

 

1 Toda embarcación ou artefacto boiante que se empregue no exercicio da pesca deberá de ter unha licencia especial das definidas no artigo 5º, apartado h, deste regulamento, sen prexuízo de que os pescadores estean en posesión dunha licencia de pesca profesional ou da correspondente licencia de pesca coa recarga específica para a pesca desde embarcación.

2. Só se poderá pescar desde embarcacións ou artefactos boiantes naquelas masas de auga expresamente autorizadas pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Non se poderán empregar para a pesca embarcacións provistas de aparellos de ecolocalización, sonar ou semellantes.

3. Para a expedición da licencia de embarcación ou artefacto boiante será necesaria a previa autorización para a navegación ou a flotación outorgada polo organismo con competencias nestas materias nas zonas de desembocadura ou nas masas de auga continentais.

 

Artigo 18º.- Rexistro de embarcacións e artefactos boiantes.

 

1. En cada Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural figurará un rexistro de embarcacións e artefactos boiantes autorizados para a pesca continental profesional ou deportiva.

 

2. No devandito rexistro figurarán o número de licencia da embarcación, o nome e enderezo do propietario, as dimensións e características técnicas, o número de matrícula asignado polo organismo con competencias na navegación e a flotación, e a relación doutros fins ós que se destine.

 

3. A inscrición no devandito rexistro formalizarase no momento da expedición da preceptiva licencia, e os interesados deberán xuntar á solicitude de licencia a documentación acreditativa dos datos que deben de figurar nel.

 

4. Procederase a dar de baixa no rexistro e á anulación das licencias daquelas embarcacións ou artefactos boiantes que non leven o devandito número de matrícula perfectamente visible e lexible en ámbolos costados.

 

5. No caso de embarcacións ou artefactos boiantes que polas súas especiais características, segundo a normativa de aplicación, non requiran autorización para a navegación e a flotación, non se esixirá a obtención de licencia de embarcación nin inscrición no rexistro, todo isto sen prexuízo de que os usuarios deban de estar en posesión da correspondente licencia de pesca coa preceptivo recarga para a pesca desde embarcación.

 

CAPÍTULO IV

 

Concesións de aproveitamentos piscícolas

 

Artigo 19º.- Obxecto e suxeito.

 

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá outorgarlles concesións de aproveitamentos piscícolas en tramos de río, encoros ou lagoas a asociacións ou sociedades de pescadores de carácter non lucrativo, para o coidado, a conservación, á promoción e a xestión da pesca. Igualmente poderá outorgar concesións en tramos de encoros ou lagoas a empresas que teñan como finalidade o fomento do turismo.

2. As concesións non darán outros dereitos sobre as augas, leitos e marxes da masa de auga que o exclusivo de pescar na forma e nas épocas preceptuadas na Lei de pesca fluvial e no presente regulamento, e coas limitacións específicas que se establezan en cada prego de condicións. As entidades concesionarios encargaranse do coidado, da conservación, da promoción e da xestión dos recursos piscícolas.

 

Artigo 20º.- Normas xerais das concesións.

 

1. As concesións de aproveitamentos piscícolas adxudicaranse pola modalidade de concurso público

 

2. As concesións non serán susceptibles de aluguer ou transferencia.

 

3. Non poderán ser obxecto de concesión as masas de auga declaradas de especial interese para a riqueza piscícola, nin calquera outra masa de auga na que razóns biolóxicas, sociais ou doutra índole así o aconsellen.

 

4 Os tramos de río obxecto de concesión non poderán ter unha lonxitude maior de oito quilómetros nin menor de tres, nin distarán entre si menos de oito quilómetros medidos 6 longo do leito do río.

 

5. As asociacións ou sociedades de pescadores que concorran a un concurso público para a concesión dunha masa de auga deberán de te-lo nomeamento de entidade colaboradora e contar cun número de socios ou asociados maior cá cifra resultante de multiplicar por cinco o número máximo de permisos diarios que figure no prego de condicións da masa de auga obxecto de concurso. Igualmente deberán ser de carácter aberto, para o cal, nos seus estatutos deberá recollerse explicitamente que calquera pescador pode pertencer a ela.

 

6. As asociacións ou sociedades de pescadores concesionarias estarán obrigadas a reserva-lo 25% dos permisos diarios para pescadores non socios. Estes permisos quedarán á disposición dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural.

 

7. Cada entidade concesionaria só poderá ter un máximo de dúas concesións simultaneamente. No caso de asociacións ou sociedades de pescadores, o número mínimo de socios establecido no punto 5 deberá calcularse tendo en conta a suma dos permisos das dúas concesións.

 

8. Será obriga do titular da concesión dispoñer e manter ó día un libro de rexistro de capturas e do esforzo de pesca, dilixenciado polo Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

 

9. O concesionario estará obrigado a presentar perante o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, antes do 31 de xaneiro de cada ano, unha memoria anual de actividades e incidencias, así como o libro de rexistro de capturas e do esforzo de pesca.

 

Artigo 21º.- O libro de rexistro de capturas e do esforzo de pesca.

 

1.O libro de rexistro de capturas e do esforzo de pesca recollerá, polo menos, información relativa ós seguintes datos técnicos:

 

a) Esforzo de pesca.

 

b) Tramos de pesca.

 

c) Número de capturas de cada especie.

 

d) Número de exemplares devoltos ó río.

 

e) Cebos utilizados.

 

f) Tamaño dos exemplares capturados.

 

2.O devandito libro de rexistro estará á disposición permanente dos pescadores, dos axentes da autoridade e do persoal do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural durante o horario legal de pesca e ata unha hora despois do límite del.

 

Artigo 22º.- A memoria anual de actividades é incidencias.

 

1.A memoria anual de actividades e incidencias deberá conter, como mínimo, a seguinte información:

 

a) Número de permisos expedidos de cada clase.

 

b) Informe sobre o desenvolvemento da temporada de pesca, con referencia a épocas, días e horarios de maior afluencia de pescadores, entre outros datos.

 

c) Xustificación documental de tódolos gastos e investimentos recollidos no correspondente prego de condicións e no contrato da concesión.

 

d) Descrición das actividades desenvolvidas en beneficio da pesca e do medio fluvial, con especial referencia ós obxectivos perseguidos e ós resultados acadados.

 

2. A memoria presentada deberá obte-la aprobación do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, e poderá concedérselle 6 interesado un prazo de 15 días para que modifique aqueles aspectos que non cumpran os mínimos esixibles.

 

Artigo 23º.- Iniciación do procedemento administrativo para concesións.

 

1. O procedemento iniciarase de oficio nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, logo de informe do Comité Provincial de Pesca Fluvial. As propostas, que conteñan unha ou varias concesións, serán remitidas á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para a súa aprobación, se procede.

 

2. Logo da aprobación dunha proposta, o Servicio Provincia¡ de Medio Ambiente Natural elaborará o prego de condicións técnicas e administrativas de cada concesión, que será sometido á información pública durante un período non inferior a quince días hábiles. o prego e as alegacións presentadas someteranse a informe do Comité Provincial de Pesca Fluvial previamente á remisión do expediente á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

Artigo 24 .- Tramitación do procedemento administrativo para concesións.

 

1. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, á vista do expediente, poderá solicitar tódolos informes complementarios que considere oportunos. Será preceptivo o informe da Secretaría Xeral para o Turismo cando a concesión vaia dirixida á empresas con fins turísticos. Posteriormente, o expediente elevarase ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para a convocatoria do concurso público.

 

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes publicará no Diario Oficial de Galicia as bases que rexerán o concurso público para a adxudicación do aproveitamento piscícola, co seguinte contido mínimo:

 

a) Denominación da concesión.

 

b) Límites da masa de auga.

 

c) Termos municipais afectados.

 

d) Duración da concesión.

 

e) Contía da fianza que hai que depositar.

 

f) Canon anual no caso de empresas turísticas.

 

g) Lugar e prazo de presentación de propostas.

 

h) Lugar para consulta-lo prego de condicións técnicas e administrativas.

 

i) Data de apertura das propostas.

 

j) Recursos que se poidan interpoñer contra a resolución.

 

3. Poderán presentar propostas de licitación todas aquelas persoas físicas e xurídicas recollidas nos artigos 13 e 19 do presente regulamento e que reúnan os requisitos establecidos para cada caso nos pregos de condicións técnicas e administrativas.

 

4. Para optar ó concurso público para a concesión dun aproveitamento piscícola deberase presenta-la seguinte documentación:

 

a) Acreditación de te-lo nomeamento de entidade colaboradora ou, de se-lo caso, de ser unha empresa con fins turísticos.

 

b) No caso de empresas turísticas, un estudio económico de fiabilidade que inclúa os investimentos mínimos iniciais e o capital inicial.

 

c) Unha memoria de obxectivos, actividades e investimentos previstos que inclúa o desenvolvemento e aplicación do plan de xestión de recursos piscícolas aprobado para a masa de auga obxecto do concurso, co seguinte contido mínimo:

 

c.1)  Períodos, días da semana e horas hábiles de pesca.

 

c.2)  Artes, cebos e modalidades de pesca.

 

c.3)  Tamaños e cotas de captura.

 

c.4)  Programación e calendario das repoboacións no caso de masas de auga de pesca intensiva e se o prego de condicións técnicas o permite.

 

c.5)  Proposta de prezos dos permisos de pesca nas diferentes modalidades no caso de concesións a empresas turísticas.

 

c.6)  Programa de vixilancia.

 

c.7)  Lugar de venda ou distribución de permisos e horario do servicio.

 

c.8)  Programa de investimentos en mantemento, mellora e conservación do medio e na execución do plan de xestión de recursos piscícolas

.

c.9)  Programación doutras actividades recollidas no prego de condicións técnicas.

 

d) Calquera outro documento administrativo ou técnico establecidos no prego de condicións técnicas e administrativas.

 

Artigo 25º.- Adxudicación das concesións.

 

1. O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes nomeará os compoñentes da mesa de contratación que valorará as propostas presentadas. Nos criterios de valoración teranse en conta:

 

a) As actuacións encamiñadas á mellora do hábitat e ó fomento das poboacións piscícolas.

 

b) Os plans de xestión formulados baixo unha perspectiva social e económica que dinamicen o emprego agrario e poidan crear riqueza na zona.

 

c) No caso de entidades colaboradoras, o seu historial e a localización da súa sede nalgún termo municipal que inclúa unha parte ou toda a concesión.

 

3. A concesión será outorgada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes por proposta da mesa de contratación. A resolución que se dicte será publicada no Diario Oficial de Galicia e terá a consideración de notificación ós restantes licitadores.

 

4. O procedemento quedará finalizado coa sinatura do contrato entre a devandita consellería e o adxudicatario, no que constará a data de entrada en vigor da concesión e o período de vixencia.

 

5. A concesión regularase polo disposto no plan de xestión de recursos piscícolas da masa de auga, no prego de condicións técnicas e administrativas e no contrato de concesión.

 

Artigo 26º.- Duración e prórroga das concesións.

 

1. A duración dunha concesión non poderá ser superior a cinco anos no caso de entidades colaboradoras, e dez anos no caso de empresas.

 

2. Os concesionarios poderán solicita-la renovación da concesión con carácter previo á súa extinción. A prórroga non terá unha duración superior á do período inicial de concesión é non se poderán obter máis de tres prórrogas consecutivas.

 

3. As solicitudes de prórroga presentaranse no Servicio Provincia¡ de Medio Ambiente Natural antes do último semestre de vixencia do contrato de concesión, e irán acompañadas da seguinte documentación.

 

a). Unha memoria que resuma a xestión realizada durante o período de concesión, co mesmo contido mínimo cá memoria anual de actividades e incidencias.

 

b). Unha memoria co mesmo contido cá establecida no artigo 24.4, apartado c, deste regulamento.

 

c). Calquera outra documentación que o solicitante considere conveniente, e en particular aquela que acredite as necesidades de amortización dos investimentos en equipamentos e instalacións feitos polos concesionarios.

 

4. O expediente de prórroga será remitido ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, quen proporá a súa resolución ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

 

Artigo 27º.- Caducidade das concesións.

 

1. As circunstancias particulares que poderán dar lugar á caducidade dunha concesión figurarán no preceptivo contrato.

 

2. En todo caso, as concesións caducarán polos seguintes motivos:

 

a). Non aprobación da memoria anual de actividades e incidencias por parte do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

 

b). Paralización da xestión dos recursos ou do aproveitamento piscícola durante máis dun ano.

 

c). Perda dalgunha das condicións e requisitos necesarios no momento de optar ó concurso público de concesión.

 

d). Incumprimento dalgunha das cláusulas do contrato de concesión ou dos pregos de prescricións técnicas e administrativas.

 

3. O expediente de caducidade iniciarase no Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural e, logo da súa tramitación, será remitido ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, quen elevará o citado expediente, xunto cunha proposta de resolución, ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

 

CAPÍTULO V

 

Reserva de permisos para fomento do turismo

 

Artigo 28º.- Obxecto e suxeito.

 

1. Co fin de fomenta-lo turismo, realizarase unha reserva de permisos para a súa distribución pola Secretaría Xeral para o Turismo.

 

2. En cada couto só se poderá reservar ata o 10% dos permisos anuais, sen que o número de permisos nunha xornada de pesca concreta poida supera-lo 50% dos dispoñibles.

 

Artigo 29º.- Tramitación.

 

1. No mes de novembro de cada ano, a Secretaría Xeral para o Turismo remitirá á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes unha proposta de reserva de permisos de pesca en coutos.

2. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, logo do informe dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, establecerá os coutos, as datas e o número de permisos reservados.

 

Artigo 30º.- Reserva de permisos.

 

Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural poderán reserva-la totalidade dos permisos dun couto, para un ou varios días, por mor de celebracións ou festas tradicionais de interese turístico e relacionadas coa pesca, logo de solicitude da correspondente corporación municipal co informe favorable da Secretaría Xeral para o Turismo. As solicitudes de reserva de permisos deberán ser presentadas con anterioridade ó 1 de novembro de cada ano.

 

CAPÍTULO VI

 

Outorgamento de permisos en coutos

 

Artigo 31º.- Outorgamento de permisos.

 

Os permisos de pesca en coutos non adxudicados a empresas turísticas nin reservados outorgaranse segundo algunha das seguintes modalidades e pola seguinte orde de preferencia:

 

a). Adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais.

 

b). Sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.

 

c). Sorteo de permisos para pescadores.

 

d). Veda ordinaria.

 

Artigo 32º.- Adxudicación de. permisos para concursos deportivos oficiais.

 

1. Por mor de colaborar no desenvolvemento de actividades deportivas oficiais, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá adxudicar, con carácter gratuíto, a totalidade dos permisos diarios dun couto.

 

2. Con anterioridade ó 1 de novembro do ano previo, a Federación de Pesca presentará na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural o calendario anual previsto de concursos e competicións e, para cada unha das xornadas, o nome do couto no que desexe obte-la cota diaria de permisos.

 

3. O número máximo de cotas en cada provincia será de cinco por temporada, e deberá solicitarse en coutos diferentes, quedando en todo caso excluídas as tres primeiras semanas da temporada.

 

4. Os concursos ou competicións axustaranse en todo momento ás normas de funcionamento do couto solicitado.

 

Artigo 33º.- Sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.

 

1. Para colaborar no desenvolvemento das actividades sociais daquelas entidades colaboradoras non concesionarias dun aproveitamento piscícola, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes sorteará entre elas cotas diarias de permisos de pesca en coutos, que serán outorgadas con carácter gratuíto.

 

2. Logo de informe dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural establecerá, para cada un dos coutos da comunidade autónoma, un máximo de tres xornadas de pesca nas que se reservarán as cotas diarias de permisos.

 

3 .De acordo coas normas que estableza a devandita dirección xeral, procederase a sortea-las cotas de permisos entre as entidades colaboradoras que o soliciten, e poderá cada unha delas obter, como máximo, as cotas de tres xornadas de pesca.

 

Artigo 34º.- Sorteo de permisos para pescadores.

 

1. Sortearanse entre os pescadores que o soliciten os permisos sobrantes dos procedementos descritos nos artigos anteriores. 

 

2. Os sorteos para pescadores celebraranse nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para cada temporada.

 

Artigo 35º.- Venda ordinaria de permisos.

 

1. Os permisos sobrantes dos procedementos anteriores poranse á disposición dos pescadores en centros de venda habilitados para o efecto.

                                                                                                      

2. Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural establecerán en cada couto os centros de venda de permisos que sexan necesarios para atende-la demanda prevista. De ser preciso, estes centros situaranse en establecementos públicos de titularidade privada, logo de convenio de colaboración no que se fará consta-la obriga do titular do establecemento de acatar tódalas disposicións que en relación a esta modalidade de outorgamento de permisos dicte a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

3. Os permisos dispoñibles en cada centro de venda estarán á disposición dos pescadores que os soliciten, logo de presentación da licencia de pesca en vigor.

 

CAPÍTULO V

 

Entidades colaboradoras

 

Artigo 36º.- Concepto de entidade colaboradora.

 

1. Consideraranse entidades colaboradoras as que realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do medio ambiente das devanditas augas e que teñan recoñecido tal carácter.

2. Terán a consideración de actividades e investimentos en favor da riqueza piscícola os seguintes:

 

a). O desenvolvemento de actividades relacionadas co ecosistema fluvial, incluíndo cursos, conferencias, coloquios e edición de libros ou impresos divulgativos.

 

b). A realización de campañas de difusión e formación dirixidas a pescadores ou escolares, especialmente aquelas que se fagan en colaboración coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, con colexios públicos, con aulas da natureza ou con calquera outro organismo ou entidade relacionado coa protección e conservación do medio fluvial.

 

c). A colaboración en traballos programados ou desenvolvidos polos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural ou por centros de investigación de recoñecido prestixio.

 

d). Calquera actividade ou investimento que repercuta en beneficio directo ou indirecto do hábitat ou da riqueza piscícola continental e que sexa aprobado previamente polo Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

 

3. As entidades colaboradoras poderán optar á concesión das subvencións e axudas que estableza a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nas condicións que nas correspondentes ordes de convocatoria se determinen.

 

Artigo 37º.- Nomeamento de entidades colaboradoras.

 

1. Para obte-lo nomeamento de entidade colaboradora deberanse cumpri-los seguintes requisitos: 

 

a). Ser unha asociación ou sociedade legalmente constituída.

 

b). Levar un mínimo dun ano de funcionamento no momento da solicitude.

 

c). Que nos seus estatutos figuren como obxectivos a protección, a conservación e a mellora do medio fluvial e do seu contorno.

 

d). Ter algunha sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

e). Adquiri-lo compromiso de realizar traballos e actividades que redunden de forma directa na protección, conservación e fomento

da riqueza piscícola, logo de autorización do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural. 38 riqueza piscícola continental e que sexa aprobado previamente polo Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

 

2. Os interesados deberán presentar no Servicio Provincia¡ de Medio Ambiente Natural correspondente unha solicitude acompañada da seguinte documentación:

 

a). Documentos acreditativos de ser unha sociedade ou asociación legalmente constituída.

 

b). Copia autentificada dos estatutos.

 

c). Copia do acordo do órgano que acordou solicita-lo nomeamento.

 

d). Relación nominal e actualizada de asociados na que figurarán o nome, os apelidos, o DNI e o domicilio de cada un deles.

 

e). Documentación acreditativa das actividades ou investimentos realizados pola entidade solicitante en relación coa mellora e defensa do medio fluvial.

 

f). Memoria das actividades ou investimentos proxectados.

 

3. Logo de recibiren tódolos documentos esixidos, os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural remitirán os expedientes, xunto co seu informe, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para a súa resolución. No caso de entidades de ámbito superior ó provincial, a solicitude deberá presentarse perante a citada dirección xeral, que solicitará informes ós devanditos servicios daquelas provincias nas que a entidade realizara actividades ou investimentos en beneficio do medio fluvial.

 

Artigo 380.- Renovación e perda da condición de entidade colaboradora.

 

1. O título de entidade colaboradora deberase renovar anualmente, e os interesados deberán presentar perante o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, antes do 30 de novembro de cada ano, unha solicitude acompañada da documentación descrita no apartados d), e) e f) do punto 2 do artigo anterior, xunto cun certificado de que non foron modificados os estatutos da sociedade ou, no seu defecto, unha copia.

 

2. A condición de entidade colaboradora perderase por calquera das seguintes causas:

 

a). Non renovación.

 

b). Renuncia expresa da entidade.

 

c). Anulación do nomeamento acordada pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural cando a entidade incumpra os seus compromisos e obrigas e, particularmente, naqueles casos nos que se produza falsidade na documentación presentada para o nomeamento ou renovación.

 

Artigo 39º.- Rexistro das entidades colaboradoras.

 

1. Tódalas entidades colaboradoras se inscribirán no Rexistro de Entidades Colaboradoras de Pesca Fluvial, que para tal efecto se crea na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Formará unha copia actualizada deste rexistro en cada un dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural.

 

2. No devandito rexistro faranse constar tódolos datos identificativos das entidades colaboradoras, así como as renovacións e calquera outra incidencia ou modificación que puidese acontecer.

 

CAPÍTULO VI

 

Comités de pesca fluvial

 

Artigo 40º.- Os comités provincias de Pesca Fluvial.

 

1. En cada provincia da Comunidade Autónoma de Galicia existirá un Comité Provincial de Pesca Fluvial con carácter de órgano colexiado e competencias circunscritas á provincia correspondente.

 

2. Os comités provinciais de Pesca Fluvial reuniranse con carácter ordinario un mínimo de dúas veces ó ano, e con carácter extraordinario cando o acorde o presidente ou cando o demande un número de membros superior a un tercio.

 

3. Os comités provinciais de Pesca Fluvial adoptarán os seus acordos conforme o establecido no regulamento interno que aproben os seus membros.

 

4. Cando por cuestións de urxencia ou por outras causas de forza maior non poida reunirse o Comité Provincial de Pesca Fluvial, o seu presidente convocará o Comité Permanente para que emita o oportuno informe. Todo isto sen prexuízo de que o devandito informe deba ser ratificado na seguinte sesión plenaria que se celebre.

 

Artigo 41º.- Composición dos comités provinciais de Pesca Fluvial.

 

1. Comité Provincial de Pesca Fluvial estará presidido polo delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, correspondéndolle a vicepresidencia ó xefe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural. O comité contará cos seguintes vocais:

 

a). O delegado provincial da Federación Galega de Pesca.

 

b). Un representante da consellería competente en materia de augas.

 

c). Un representante da consellería competente en materia de industria.

 

d). Un representante do organismo competente en materia de turismo.

 

e). Un representante do organismo competente en materia de deporte.

 

f).  Un representante da consellería competente en materia de pesca e marisqueo.

 

g). Un representante do servicio que teña atribuídas funcións en materia de sanidade animal.

 

h). Dous representantes das sociedades de pescadores inscritas na Federación Provincial de Pesca e designados por ela.

 

i). Dous representantes de entidades colaboradoras non federadas, inscritas no rexistro correspondente, designados por acordo entre elas mesmas.

 

j). Dous representantes das asociacións naturalistas e ecoloxistas, inscritas como tales no rexistro correspondente, designados por acordo entre elas mesmas.

 

k). Dous profesionais de recoñecido prestixio en temas relacionados coa pesca continental designados polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural por proposta do servicio provincial correspondente.

 

l). O xefe da sección encargada da pesca fluvial do servicio provincial correspondente, quen actuará como secretario.

 

2. As reunións dos comités poderán asisti-los representantes da Administración do Estado que se considere oportuno por razón de materia, para o cal se lles notificará a convocatoria das sesións, con indicación da orde do día, a través da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderán asistir en calidade de asesores, con voz pero sen voto, logo de invitación do presidente do comité, aquelas persoas que sexan consideradas expertas en asuntos concretos que figuren na orde do día da reunión.

 

3. Os vocais dos apartados h), i) e j) deberán presentar acreditación xustificativa da súa designación, debendo confirmarse esta, de non terse producido novas designacións, cada dous anos.

 

4. Comité Permanente estará formado polo presidente, o vicepresidente, o secretario e mailos seguintes vocais: o delegado provincia¡ da Federación Galega de Pesca e un representante das entidades colaboradoras.

 

Artigo 42º.- Competencias dos comités provinciais de Pesca Fluvial.

 

Son competencias dos comités provinciais de Pesca Fluvial as seguintes:

 

a). Propoñe-los períodos hábiles de pesca que serán establecidos na orde anual de pesca.

 

b). Presentar propostas e informes sobre as modalidades de pesca e as cotas de captura que serán establecidos para cada temporada con carácter provincial e local.

 

c). Informar sobre as concesións de aproveitamentos piscícolas no ámbito das súas competencias, así como propoñer novas concesións.

 

d). Propoñer períodos de veda con carácter local.

 

e). Informar sobre a creación e modificación de coutos de pesca.

 

f). Promove-la adopción de medidas de protección, fomento e aproveitamento da fauna piscícola e do seu hábitat.

 

g). Promove-la realización de estudios e investigacións que redunden en beneficio da fauna piscícola e do medio fluvial.

 

h). Demandar información a calquera órgano da Administración sobre actuacións que poidan afecta-lo medio fluvial.

 

i). Informar sobre os plans de ordenación de recursos piscícolas e os plans de xestión de recursos piscícolas no seu ámbito territorial.

 

j). Informar sobre calquera outro asunto relacionado coa pesca continental que someta á súa consideración o órgano correspondente consellería competente por razón da materia.

 

Artigo 43º.- O Comité Galego de Pesca Fluvial

 

1. Constituirase un Comité Galego de Pesca Fluvial con carácter de órgano colexiado e funcións de asesor da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en temas relacionados coa pesca fluvial no ámbito  da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

2. O Comité Galego de Pesca Fluvial reunirase con carácter ordinario un mínimo dunha vez o ano, e con carácter extraordinario cando o acorde o presidente ou cando o demande un número de membros superior a un tercio.

 

3. O Comité Galego de Pesca Fluvial adoptará os seus acordos conforme o establecido no regulamento interno que aproben os seus membros.

 

Artigo 44º.- Composición do Comité Galego de Pesca Fluvial.

 

1.Comité Galego de Pesca Fluvial estará presidido polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural; correspóndelle a vicepresidencia ó subdirector xeral correspondente. O Comité constará dos seguintes vocais:

 

a). Os presidentes dos comités provinciais de Pesca Fluvial.

 

b). Os xefes dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural.

 

c). O presidente da Federación Galega de Pesca Fluvial.

 

d). Os delegados provinciais da Federación Galega de Pesca Fluvial.

 

e). Un representante das entidades colaboradoras de cada provincia, designado por acordo entre elas.

 

f). Dous representantes das asociacións naturalistas e ecoloxistas, inscritas como tales no rexistro correspondente, designados por acordo entre elas.

 

g). Un representante da consellería competente en materia de augas.

 

h). Un representante do organismo competente en materia de turismo.

 

j). Un representante do organismo competente en materia de deporte.

 

k). Un representante da consellería competente en materia de pesca e marisqueo.

 

l). Dous profesionais de recoñecido prestixio en temas relacionados coa pesca continental, designados polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

m). O xefe do Servicio de Recursos Piscícolas, quen actuará como secretario.

 

2. Ás reunións do comité poderán asistir os representantes da Administración do Estado que se considere oportuno por razón de materia, para o cal se lles notificará a convocatoria das sesións, con indicación da orde do día, a través da Delegación do Goberno da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderán asistir en calidade de asesores, con voz pero sen voto, logo de invitación do presidente do comité, aquelas persoas que sexan consideradas expertas en asuntos concretos que figuren na orde do dia da reunión. Os vocais dos apartados e) e f) deberán presentar acreditación xustificativa da súa designación, e deberá confirmarse esta, de non terse producido novas designacións, cada dous anos.

 

Artigo 45º.- Competencias do Comité Galego de Pesca Fluvial.

 

Son competencias do Comité Galego de Pesca Fluvial as seguintes:

 

a). Fixar liñas de actuación e promove-la adopción de medidas encamiñadas ó fomento, protección, conservación e ordenado aproveitamento da riqueza ictícola das augas continentais galegas.

 

b). Informar sobre as propostas de períodos hábiles, modalidades de pesca e cotas de captura realizados polos comités provinciais de Pesca Fluvial para a elaboración da orde anual de pesca continental.

 

c). Informar sobre calquera tema que non sexa competencia dos comités provinciais de Pesca Fluvial por ter ámbito autonómico.

 

d). Informar sobre os plans de ordenación de recursos piscícolas e sobre os plans de xestión de recursos piscícolas.

 

e). Informar sobre calquera outro asunto relacionado coa pesca continental que someta á súa consideración o órgano correspondente da consellería competente por razón da materia.

 

TÍTULO III

 

CAPITULO I

 

Ordenación dos aproveitamentos piscícolas

 

Artigo 46º.- A orde anual de pesca continental

 

1. Por medio da orde anual de pesca continental a Consellería de Agricultura, Gandería é Montes establecerá, para cada temporada, as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia, adoptará ós réximes especiais que se consideren pertinentes en determinadas masas de auga e aprobará: as modificacións e revisións dos plans de xestión de recursos piscícolas.

 

2. As normas xerais de pesca fixarán as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura, os cebos e as modalidades de pesca para cada especie en tódalas augas continentais da Comunidade Autónoma, sen prexuízo do disposto nas normas específicas para cada masa de auga.

 

3. Os réximes especiais fixarán as normas aplicables  nas que o aproveitamento estea regulado por un plan de xestión de recursos piscícolas ou aqueloutras nas que as súas especiais características aconsellen medidas específicas de protección ou permitan o aproveitamento dalgunha especie piscícola de xeito diferente ó recollido nas normas xerais.

 

Artigo 47º.- Elaboración da orde anual de pesca continental

 

1. Os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, oídos os comités provinciais de Pesca Fluvial; remitirán á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, antes do primeiro de xaneiro de cada ano, as súas propostas para a redacción da orde anual de pesca continental.

 

2. As propostas de normas xerais terán o seguinte contido:

 

a). A época hábil, o tamaño mínimo e a cota de capturas de cada unha das especies susceptibles de pesca.

 

b). Os tipos de cebos a que se empregarán con cada especie, a época hábil para o seu emprego e, de se-lo caso, o tipo de masa de auga no que se autorizará cada un deles.

 

c). As modalidades de pesca permitidas para cada especie, a época hábil de cada unha delas e, de se-lo caso, o tipo de masa de auga no que se autorizarán.

 

3. As propostas de réximes especias daquelas masas de auga non reguladas por un plan de xestión de recursos piscícolas piscícolas estarán agrupadas por rios ou, preferentemente, por concas ou subconcas hidrográficas. Nelas farase constar, xunto cos límites xeográficos de cada masa de auga afectada, as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura e os cebos e demais datos técnicos relativos o aproveitamento piscícola de cada especie. De se-lo caso, no apartado correspondente a época hábil, poderase facer, constar que unha determinada especie ou masa de auga se atopa vedada.

 

4. No referente os plans de xestión de recursos piscícolas, faranse consta-las condicións para o aproveitamento piscícola que fixan os novos plans aprobados e o seu ámbito de aplicación, así como as modificacións dos plans preexistentes.

 

5. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural oído o Comité Galego de Pesca Fluvial, elevará a súa proposta de orde ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para a súa aprobación, se procede, e publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Artigo 48º.- Medidas excepcións.

 

1. Cando existan razóns hidrobiolóxicas ou medioambientais que así o aconsellen poderanse adoptar medidas excepcionais de urxencia para a protección da fauna piscícola e do seu medio.

 

2. As medidas excepcionais poderán prohibir temporalmente o emprego de calquera arte ou modalidade de pesca, ou mesmo prohibir todo tipo de pesca nunha determinada masa de auga

 

3. A adopción destas medidas corresponderalle á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, logo de proposta dun Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural. A resolución que se dicte será publicada no Diario Oficial de Galicia con carácter de urxencia, e expresará a motivación e a duración das medidas que se establezan.

 

Artigo 49º.-Veda por razón de especie.

 

Sempre que nunha masa de auga existan varias especies e algunha delas estea vedada, a veda estenderase nesa masa a tódalas especies que se capturen coa mesma modalidade ou cebo, salvo autorización expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

 

Artigo 50º.- Tenza, transporte e comercialización da pesca fluvial.

 

1. Queda prohibida a comercialización de calquera especie de salmónidos en toda época, agás os procedentes de centros de producción autorizados.

 

2. A orixe legal dos salmónidos procedentes de centros de producción autorizados deberase acreditar mediante unha guía de circulación ou factura expedida polo centro de orixe, na que deberá consta-la identificación do productor, a especie, os tamaños e pesos medios, o número de exemplares, o destino das mercadorías, o medio de transporte e a data de expedición. A guía deberá ir acompañada dun documento de compra e será válida, tanto o orixinal como as copias, para realiza-lo transporte do centro de producción ó de venda ó público e durante a permanencia neste. Cando a especie comercializada sexa o salmón ou o reo, tamén se deberán precinta-los exemplares individualmente.

 

3. Durante o período hábil para a pesca das distintas especies, queda prohibida a tenza dun número de exemplares superior ó máximo de capturas autorizado por pescador e día, así como a de exemplares de tamaño menor á legalmente establecida. En época de veda queda prohibida a tenza en locais públicos de calquera especie piscícola continental non procedente de centros de producción autorizados.

 

4. Prohíbese a tenza en establecementos públicos en toda época, de salmónidos non procedentes de centros de producción autorizados.

 

5. Para posuír e transportar reos ou salmóns pescados legalmente, será condición indispensable que vaian provistos dunha guía de captura e dun precinto individual. A guía de captura acreditará a orixe e as características dos exemplares, a data de captura, os datos persoais do pescador, o número de licencia de pesca e o cebo empregado.

 

6. Os axentes da autoridade con funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitat poderán realiza-la inspección de locais públicos, embarcacións, vehículos e demais dependencias non destinadas a vivenda co obxecto de face-las comprobacións oportunas sobre posesión da guías, documentos de compra e calquera outro acreditativo daqueles extremos, quedando os titulares obrigados a facilitaren as inspeccións.

 

Artigo 51º- Canas de pescar e utensilios auxiliares.

 

1. Nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, cada pescador só poderá utiliza-lo número de canas, os cebos, as artes de pesca e os utensilios auxiliares que se detallen e autoricen na orde anual de pesca continental para cada río ou masa de auga concretos.

 

2. Con carácter xeral, para a pesca de salmónidos so se permite o emprego dunha cana por pescador e dunha sacadeira ou un lazo como elemento auxiliar, para a pesca de ciprínidos con cebos específicos e para a pesca de salmónidos en encoros poderase autoriza-lo emprego dun máximo de dúas canas e unha distancia máxima do pescador de tres metros mentres que para a pesca dende embarcación só se poderá empregar unha cana por pescador, sexa cal sexa a especie susceptible de pesca; autorízanse unicamente tres canas por embarcación, aínda que o número de pescadores sexa maior.

 

Artigo 52º.- Autorizacións especiais.

 

1. Para fins científicos de repoboación ou para evita-la súa morte, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá autoriza-la pesca e o transporte de especies acuícolas ou dos seus ovos en toda época do ano facendo uso dos métodos de captura que se xulguen convenientes.

 

2. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, logo de informe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, establecerá as condicións da autorización especial nun documento acreditativo, de carácter persoal e intransferible, no que se especificará a entidade científica, institución, persoa xurídica que avala os traballos que se executarán, os materiais e métodos que se utilizarán, as especies obxecto de captura, os lugares e datas autorizados, o destino dos exemplares capturados e calquera limitación que se considere conveniente. Estableceranse tamén uns valores máximos de danos ó medio acuático en función do correcto emprego das técnicas autorizadas; a comisión de danos superiores os previstos na autorización levará consigo a incoación do correspondente expediente sancionador.

 

3. Nun prazo de dous meses, contados a partir da data de caducidade da autorización, o titular deberá informar á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural dos traballos executados e dos resultados obtidos.

 

4. A autorización exhibirase en calquera momento cando sexa requirido por parte dos axentes da autoridades

 

5. Facúltase ós servicios provinciais de Medio Ambiente Natural para exerce-las accións recollidas neste artigo sen necesidade de contar coas devanditas autorizacións especiais.

 

CAPÍTULO II

 

Fomento das poboacións ictícolas

 

Artigo 53º.- Estudios e investigación.

 

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes promoverá a realización dos estudios hidrobiolóxicos precisos das augas continentais da Comunidade Autónoma, así como a investigación, dedicándolles especial atención ós ríos habitados por salmón ou reo e adaptará as súas actuacións para o fomento da riqueza ictícola ás conclusións e ós resultados dos devanditos estudios e programas de investigación.

 

2. Tódolos estudios e proxectos de investigación deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, logo de informe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural. A solicitude de autorización estará avalada por un centro de investigación, que designará un investigador principal con carácter de director, e incluirá unha memoria na que se especifique o alcance e obxectivos do estudio, unha relación do persoal investigador adscrito ó proxecto, un calendario e plan de traballo, a metodoloxía elixida e a súa xustificación, e os medios materiais e de financiamento, dispoñibles.

 

Artigo 54º.- Desovadoiros.

 

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes procederá á delimitación e sinalización dos desovadoiros e prohibirá calquera alteración neles, salvo as que realice a propia consellería ou autorice coa finalidade de protexelos, consérvalos e melloralos.

 

2. Cando a consellería considere que o baño ou outras actividades poidan supoñe-la deterioración do desovadoiro, poderá adopta-las medidas precisas para a súa protección e conservación, sinalando, para tal efecto, as respectivas masas de auga, épocas e condicións nas que se, prohibisen estas actividades.

 

3. Facúltase os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural para a adopción e, de se-lo caso, execución de todas aquelas medidas, encamiñadas á protección, conservación e mellora dos desovadoiros.

 

4. A consellería adoptará todas aquelas medidas encamiñadas a facilita-lo acceso das especies migradoras ás áreas de desova ou desovadoiros, en especial a eliminación de obstáculos e a regulación de caudais.

 

5. As medidas que se adopten para protexer, mellorar ou conserva-los desovadoiros poranse en coñecemento dos organismos competentes para autoriza-las actividades que poidan alterar estas masas de auga, co obxecto de que estas sexan prohibidas ou restrinxidas .

 

Artigo 55º.- Repoboacións piscícolas.

 

1. Soamente poderán realizar repoboacións ou soltas de especies piscícolas nas augas continentais os organismos dependentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou aqueles que esta autorice expresamente.

 

2. Corresponde ós servicios provinciais de Medio Ambiente Natural autoriza-las repoboacións ou soltas de especies piscícolas nas augas continentais.

 

3. As repoboacións realizaranse preferentemente con especies autóctonas e con exemplares obtidos de reproductores capturados na mesma conca hidrográfica na que se vai repoboar ou, no seu defecto, con ecotipos da maior similitude xenética posible. Os métodos, técnicas, épocas, tamaños e condicións ou formas de executa-las repoboacións estarán fixados polo plan de xestión de recursos piscícolas ou, no seu defecto, por un plan técnico aprobado polo Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural con competencias na zona.

 

4. As entidades que teñan a concesión para o aproveitamento dalgunha masa de auga continental poderán, se e o caso, solicita-la realización directa de repoboacións piscícolas nas augas obxecto da concesión, se ben as especies, tipos ou variedades e métodos empregados requirirán a aprobación previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural para garanti-la súa idoneidade. A autorización que se expida irá acompañada dun plan de prescricións técnicas no que se establecerán as condicións coas que se executará a repoboación, e deberá, en calquera caso, realizarse esta baixo a supervisión e técnica do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

 

5. Levantarase unha acta de cada unha das repoboacións efectuadas, na que constarán, polo menos, os seguintes datos: data e lugar, especie, procedencia, número de exemplares, persoas que participan, método de repoboación e certificado sanitario. A acta orixinal arquivarase no Servicio Provincia¡ de Medio Ambiente Natural, debendo remitirse unha copia á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

6. Non poderán ser repoboadas aquelas masas de auga nas que habitan poboacións piscícolas de interese polas súas peculiaridades biolóxicas ou xenéticas, así como aquelas nas que exista algún réxime de protección especial, agás por razóns de defensa das poboacións, debidamente xustificadas.

 

7. Excepcionalmente, no caso de estudios ou investigacións científicas que requiran a realización de repoboacións, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, á vista dos obxectivos de cada proxecto de investigación e do informe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, poderá conceder autorizacións especiais.

 

Artigo 56º.- Repoboacións de vexetación en marxes e álveos

 

1. Para tódolos efectos, declarase de interese xeral a conservación das formacións vexetais así como a repoboación arbórea e arbustiva nas marxes dos ríos e regueiros con especies ripícolas ou de ribeiras, respectando as servidumes legais.

 

2. Para o aproveitamento e a utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas, e pola súa incidencia sobre as poboacións piscícolas, será necesaria previa autorización do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, quen, de se-lo caso, establecerá as limitacións ou condicións coas que se concede a autorización; todo isto sen prexuízo das competencias dos organismos de conca.

 

Artigo 57º.- Instalacións de fomento e conservación da riqueza piscícola.

 

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, dentro dos plans de ordenación de recursos piscícolas, promoverá a instalación de estacións de captura, desovadoiros artificiais, canles de crianza, laboratorios ictioxénicos e demais instalacións que sirvan para a recuperación e conservación das poboacións piscícolas salvaxes e do medio no que se desenvolven, atribuíndolles preferencia ás instalacións situadas nos ríos onde existan posibilidades de recupera-las poboacións anádromas ou catádromas. Así mesmo, poderá autorizar traballos e construccións financiados por persoas físicas ou xurídicas que sirvan para contribuír á conservación e o fomento da riqueza piscícola.

 

2. Decláranse de interese xeral para tódolos efectos     as instalacións de conservación das poboacións piscícolas salvaxes.

 

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes velará por evita-la introducción nas masas de auga continentais de especies ou variedades con características xenéticas, estado sanitario ou comportamento en estado salvaxe que poidan poñer en perigo as poboacións naturais. Para estes fins, ademais do disposto no presente regulamento, a consellería adoptará todas aquelas medidas complementarias que considere necesarias.

 

Artigo 58º.- Clasificación dos centros de acuicultura

 

Os centros de acuicultura poderán ser de interese xeral ou particular. Nos primeiros buscarase o fomento das poboacións piscícolas salvaxes, mentres que nos segundos primará o factor de producción para o consumo. Para os efectos do presente regulamento, os centros de acuicultura clasificaranse da seguinte maneira:

 

a). De ciclo cerrado ou completo: serán aqueles nos que as instalacións permitan manter individuos de todas e cada unha das fases do ciclo vital da especie ou especies autorizadas, ou sexa, reproducción, cría de alevíns e engorde. Poderán ter fins comerciais, de repoboación ou de investigación.

 

b). De ciclo aberto ou incompleto serán aqueles nos que as instalacións permitan manter só algunha ou algunhas das fases do ciclo vital sen que este poida completarse nelas. Clasificaranse en función da fase ou fases de cultivo, como centro a de reproducción, centros de cría de alevíns ou centros de engorde.

 

Artigo 59º.-Autorización de centros de acuicultura .

 

1. A autorización para o funcionamento dos centros de acuicultura será Concedida para cada proxecto pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, sen prexuízo do outorgamento da correspondente concesión de augas por parte da Administración hidráulica competente.

 

2. Cada centro de acuicultura só poderá dedicarse ó cultivo da especie ou especies e ás actividades expresamente autorizadas. Para cambiar ou amplia-la orientación productiva da explotación, deberá solicitarse autorización á Dirección Xeral Montes e Medio Ambiente Natural.

 

3. A posta en explotación dun novo centro debe levarse a cabo no prazo máximo de dous anos a partir da data de autorización, e poderase amplia-lo devandito prazo, por períodos de seis meses e ata un máximo de tres anos, cando existan causas debidamente xustificadas e non imputables ó titular das instalacións.

 

Artigo 60º.- Procedemento administrativo para autorización de centros de acuicultura.

 

1. A solicitude de creación de novos centros de acuicultura, logo da concesión de aproveitamento hidráulico polo organismo competente, presentarase nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural acompañada dun proxecto, asinado por técnicos competentes, no que figurarán os seguintes documentos:

 

a). Datos de identificación do promotor e instalación.

 

b). Planos de actuación a escalas 1:50.000 e 1:10.000.

 

c). Descrición detallada das obras e instalacións, incluíndo planos e demais documentos que faciliten a súa interpretación.

 

d). Estudio do réxime natural de caudais.

 

e). Caudais de concesión e procedencia das augas.

 

f).  Memoria biolóxica na que, como mínimo se detallará:

 

f.1) Caudais ecolóxicos.

f.2) Estudio de temperaturas.

f.3) Xustificación da elección da especie ou especies cultivables.

f.4) Carga instantánea.

f.5) Sistema de cultivo.

f.6) Producción por meses.

f.7) Tratamento de augas residuais.

 

g). Estudio de avaliación de efectos ambientais que se realizará, conforme ó disposto no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, mentres non se aproben as normas regulamentadas de desenvolvemento da Lei 1/1995, do 2 te xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

 

2. O expediente así iniciado será remitido á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural xunto cun informe do servicio provincial relativo á localización, á idoneidade biolóxica, sanitaria de fisicoquímica das augas, ós programas de producción, ós efectos secundarios sobre os ecosistemas acuáticos e as poboacións piscícolas, e a calquera outra materia que se considere de interese para a protección, conservación e mellora do ecosistema acuático. Logo do exame deste informe, e tendo en conta os plans de ordenación de recursos piscícolas vixentes, corresponderalle á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural o outorgamento da autorización definitiva para a posta en funcionamento dos centros de acuicultura, sen prexuízo da normativa ambiental aplicable.

 

Artigo 61º.- Control sanitario dos centros de acuicultura.

 

1. Para evitar no posible o contaxio de enfermidades e a súa difusión entre as poboacións dos cursos naturais de augas e para minimiza-los efectos da contaminación das augas debida á actividade dos centros de acuicultura, adoptaranse as seguintes medidas:

 

a). Por razóns de índole hixiénico-sanitaria so se autorizarán novos centros de acuicultura cando a súa instalación sexa fóra dos leitos públicos e a unha distancia doutros centros, augas arriba ou augas abaixo, que garanta unha adecuada calidade biolóxica e fisicoquímica das augas. A distancia mínima será superior a 15 km medidos o longo do eixe lonxitudinal do río, e poderá ser variado este mínimo pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural de acordo coas circunstancias que concorran en cada caso.

 

b). Todo centro de acuicultura deberá ter un sistema de depuración adecuado para trata-la auga procedente dos estanques e instalacións de cultivo previamente á súa restitución ó leito natural. A eficacia do sistema será tal que garanta unha calidade das augas no punto de restitución similar á existente no punto de captación, sen que permita, en ningún caso, o vertido de partículas orgánicas ou de residuos de tipo biolóxico.

 

c). En ningún momento se poderán ter peixes nas instalacións de depuración nin nas canles de captación, de distribución e de restitución.

 

d). Os residuos, lodos, dexeccións, restos de alimentos e demais materiais retidos no sistema de depuración serán retirados periodicamente e depositados en lugares afastados dos leitos naturais, evitando en todo momento a súa posible incorporación ás augas. Sempre que se proceda á retirada de residuos, a empresa responsable porao en coñecemento do Servicio de Medio Ambiente Natural da provincia correspondente cunha antelación de quince días. A aparición de calquera proceso patolóxico ou mortandade anormal nas instalacións deberá pórse en coñecemento do Servicio de Medio Ambiente Natural da provincia onde estea situado o centro de acuicultura, que o porá en coñecemento das autoridades competentes en sanidade animal. No anexo III inclúense as enfermidades e alteracións de declaración obrigatoria e as medidas de control sanitario e profilaxe que, en coordinación coas autoridades sanitarias, serán adoptadas en cada caso, todo isto, sen prexuízo da normativa, sanitaria específica.

 

2. Toda introducción ou expedición de esperma, ovos, ou peixes vivos requirirá autorización previa da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural. Á solicitude de autorización xuntarase a documentación acreditativo do estado sanitario de cada partida.

 

Artigo 62º.- Control do funcionamento dos centros de acuicultura.

 

1. Co fin de exerce-lo debido control sobre o movemento de exemplares entre centros de acuicultura, a aparición de procesos patolóxicos e outras actividades susceptibles de afectaren o medio ambiente, así como para, dispoñer de datos básicos sobre a producción, necesarios para a adopción de medidas encamiñadas ó fomento, á promoción e á ordenación deste sector, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural facilitará a cada centro de acuicultura un modelo oficial de libro de rexistro de actividades no que, baixo responsabilidade do titular da explotación ou do técnico encargado por este, se deberá anota-los seguintes datos:

 

a). Entradas e saídas de esperma, ovos, embrións e animais en xeral, con indicación da orixe ou destino e mais do número e peso ou tamaño medio dos peixes.

 

b). As taxas de mortalidade en cada unha das fases de cultivo.

 

c). Os procesos patolóxicos detectados, os tratamentos empregados e as mortes producidas por eles en cada fase de cultivo.

 

d). As limpezas e desinfeccións realizadas, así como calquera outra actividade do programa sanitario da explotación incluíndo a retirada de residuos do sistema de depuración.

 

2. Os libros de rexistro de actividades estarán á disposición dos axentes da autoridade encargados de velar pola protección e conservación da riqueza piscícola do persoal facultado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para inspecciona-los centros de acuicultura, e do persoal técnico de calquera outro organismo competente na materia.

 

3. Os centros de piscicultura deberán remitir á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural unha memoria anual de actividades na que se resumirá o contido do libro de rexistro de actividades da explotación.

 

4. Os datos de producción e funcionamento consignados tanto no libro de rexistro coma na memoria anual terán carácter confidencial, e non poderán ser facilitados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes sen autorización do titular da explotación, sen prexuízo de que poidan ser empregados para a elaboración de estatísticas ou informes técnicos de carácter xeral e sen indicación explícita dos datos de identificación correspondentes a cada centro.

 

Artigo 63º. Rexistro de centros de acuicultura.

 

Créase na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural o Rexistro de Centros de Acuicultura, no que figurarán, ademais do correspondente número de inscrición, a identificación da empresa e do seu titular, a descrición das instalacións e os datos básicos do sistema de producción de tódolos centros de acuicultura da Comunidade Autónoma. Os titulares da explotación dos centros deberanlle comunicar á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural calquera cambio que se produza nos datos que figuren no rexistro, sen prexuízo de que por parte dela se realicen, en calquera momento, inspeccións ou enquisas encamiñadas a modificar ou amplia-los datos rexistrados.

 

CAPITULO III

 

Medidas protectoras

 

Artigo 64º.- Ordenación dos aproveitamentos piscícolas

 

Os aproveitamentos piscícolas regularanse a través de plans de ordenación de recursos piscícolas e de plans de xestión de recursos piscícolas.

 

Artigo 65º.- Obxectivos e contido dos plans de ordenación de recursos piscícolas.

 

1. Os plans de ordenación de recursos piscícolas terán como obxectivos avalia-lo estado do medio acuático e das poboacións piscícolas, regula-lo seu aproveitamento para unha óptima xestión dos recursos e adoptar medidas de fomento e protección da fauna e do ecosistema acuático en xeral. Para cumprir estes fins, os plans de ordenación de recursos piscícolas terán como mínimo, os seguintes apartados: ámbito territorial de aplicación, estado de conservación, inventario piscícola, directrices de xestión do recurso e período de vixencia.

 

2. No referente ó ámbito de aplicación, os plans de ordenación de recursos piscícolas aplicaranse á totalidade dunha conca ou subconca hidrográfica ou a unha parte delas comprendida entre os nacementos dos ríos e unha barreira natural ou artificial que impida o movemento natural das poboacións piscícolas. Neste apartado especificarase, como mínimo, a situación xeográfica da zona, a descrición do territorio de aplicación e dos seus límites, a descrición dos leitos e das masas de auga afectados, un plano topográfico a escala adecuada e a zonificación que pode establecerse en función da diversidade bioxeográfica da área. Igualmente, incluirase un estudio socioeconómico, con especial referencia ó medio fluvial e ós recursos piscícolas.

 

3. O estado de conservación dará conta, en cada tramo definido, da calidade fisicoquímica e biolóxica das augas, do estado natural da vexetación, dos usos do solo, do inventario de vertidos, da relación de obstáculos naturais e artificiais, da hidroloxía da conca e dunha relación dos impactos existentes.

 

4. O inventario piscícola incluirá o estado legal, o estado piscícola e o estado económico.

No estado legal incluiranse aqueles datos referentes o réxime de aproveitamento piscícola e a súa evolución histórica. Así mesmo, incluiranse as servidumes e concesións hidráulicas de interese.

Para a avaliación do estado piscícola realizarase unha división inventario anual e o cálculo de existencia e parámetros poboacionais de cada especie. Determinaranse, polo menos, as densidades e biomasas, a estructura poboacional, o recrutamento e as taxas de fecundidade, mortalidade e crecemento.

No estado económico redactarase un resumo económico das actuacións e melloras efectuadas no último decenio, da súa influencia sobre a producción dos aproveitamentos realizados e dos resultados obtidos.

 

5. As directrices de xestión incluirán os réximes de protección, as medidas de conservación, de restauración e de mellora do medio, e os criterios orientadores das actividades futuras.

 

6. O período de vixencia será establecido en cada caso, sen prexuízo de que poida ser necesaria a revisión do plan nun período de tempo inferior ó indicado.

 

Artigo 66º.- Elaboración dos plans de ordenación de recursos piscícolas.

 

As propostas dos plans de ordenación de recursos piscícolas serán elaboradas polos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, oído o Comité Provincial de Pesca Fluvial, e remitidas á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para a súa tramitación, na que se someterán ó trámite de información pública e a informe do organismo de conca e do Comité Galego de Pesca Fluvial. Corresponderalle ó Consello da Xunta de Galicia a aprobación destes plans.

 

Artigo 67º.- Obxectivos e contido dos plans de xestión de recursos piscícolas.

 

1. Os plans de xestión de recursos piscícolas fixarán as medidas de protección, conservación, mantemento e mellora das poboacións ictícolas e do seu medio nas masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola e naquelas masas de auga nas que o aproveitamento piscícola deba de estar regulado con normas específicas. Para cumpri-los seus fins, estes plans terán o seguinte contido mínimo: actuacións de fomento e protección dos recursos piscícolas, seguimento da evolución das poboacións, vixilancia do grao de axuste ó plan de ordenación de recursos piscícolas vixente na conca e sistemas de corrección de posibles desviacións, plano de financiamento, plan de vixilancia e período de vixencia.

 

2. Nas actuacións encamiñadas ó fomento e a protección dos recursos piscícolas incluiranse, entre outras, as campañas de difusión e educación ambiental, os convenios de colaboración con entidades locais, as accións de mellora do hábitat e das poboacións naturais, as repoboacións e as infraestructuras de apoio.

 

3. En masas de auga aptas para o aproveitamento piscícola tamén se incluirá a relación de especies non susceptibles de pesca, a relación de especies susceptibles de pesca, con indicación de tamaños mínimos, cotas de captura, número de permisos, cebos e modalidades, e as épocas hábiles para o exercicio da pesca.

 

4. Os plans de xestión de recursos piscícolas serán preceptivos en augas habitadas por salmón e reo, en todas aquelas que a Consellería  de Agricultura, Gandería e Montes considere de interese piscícola e naquelas masas de auga que sexan obxecto de concesión de aproveitamento piscícola.

 

Artigo 68º.- Elaboración dos recursos piscícolas.

 

As propostas dos plans de xestión de recursos piscícolas serán elaboradas polos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, oído o Comité Provincial de Pesca Fluvial, e remitidas á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para a súa tramitación, incluído o informe do Comité Galego de Pesca Fluvial. A aprobación destes plans, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, corresponderalle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

 

Artigo 69º.- Protección dos recursos piscícolas.

 

1. Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, poderá declarar determinados tramos de ríos ou masas de auga como de especial interese para a riqueza piscícola. Nos procedementos de declaración atribuiráselles prioridade a aqueles tramos de ríos accesibles para especies migradoras o mar e ás súas zonas de desova e cría.

 

2. A aprobación dun plan de ordenación de recursos piscícolas levará implícita a declaración das masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola nel definidas como tales. Esta declaración tamén poderá realizarse de xeito individual, requiríndose neste caso a elaboración dun plan de xestión de recursos piscícolas.

 

3. Tódalas actividades deportivas ou recreativas que poidan afectar á riqueza piscícola destas masas de auga aínda cando sexan compatibles co establecido no plan de ordenación de recursos piscícolas, requirirán autorización do correspondente Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural .

 

4. As masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola clasificaranse como tramos protexidos ou como reservas piscícolas atendendo as súas características hidrobiolóxicas e ó grao de protección necesario.

 

5. Os tramos protexidos serán compatibles co aproveitamento piscícola, sen prexuízo de que estea condicionado o respecto dunhas normas especificas de protección e conservación. Nas reservas piscícolas non se poderá exerce-la pesca, agás aquelas capturas de reproductores que realicen os servicios provinciais de Medio Ambiente Natural.

 

Artigo 70º.- Das masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola.

 

Nas masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola someteranse ó procedemento de avaliación de impacto ambiental, de acordo co disposto polo Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, mentres tanto non se aproben as normas regulamentarias de desenvolvemento da Lei 1/1995, de 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, tódolos proxectos de realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade situada nelas que poida afectar ós valores que motivaron a declaración, incluíndo os seguintes:

 

a). Aproveitamentos hidroeléctricos

 

b). Aproveitamentos hidráulicos en xeral.

 

c). Centros de acuicultura.

 

d). Extracción de áridos.

 

e). Actividades mineiras.

 

f). Construcción de infraestructuras.

 

g). Actividades industriais, agropecuarias ou de servicios que leven consigo a producción de vertidos ou a alteración do medio acuático.

 

Artigo 71º.- Dimensións mínimas.

 

1. Deberanse devolver inmediatamente á auga tódolos exemplares capturados que non superen as dimensións mínimas establecidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para cada lugar e época. As especies non susceptibles de pesca devolveranse inmediatamente ás augas de procedencia, sexa cal sexa a súa dimensión.

 

2. Entenderase por lonxitude, nos peixes, a distancia existente desde a extremidade anterior da cabeza ata o punto medio da parte posterior da aleta caudal ou cola estendida, e, para o cangrexo, a comprendida entre o ollo e a extremidade da cola tamén estendida.

 

3. Queda prohibida a pesca, posesión, circulación, comercialización e consumo dos exemplares que non alcancen as dimensións mínimas establecidas, agás no caso da anguía, que estará admitida no seu estado de angula.

 

Artigo 72º.-Obstáculos naturais.

 

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá acorda-la eliminación dos obstáculos naturais ou a súa modificación para facilita-la circulación dos peixes ó longo dos cursos de auga competencia da comunidade autónoma, especialmente nos ríos salmoneiros e de reos e, cando isto non sexa posible, o emprego dos medios substitutivos que aseguren o ciclo biolóxico das especies piscícolas nos distintos treitos do río.

 

Artigo 73º.-Aproveitamentos hidráulicos.

 

1. As concesións de aproveitamento hidráulico deberán, en todo tempo, respecta-lo réxime de caudais ecolóxicos necesario para facilita-lo normal mantemento da fauna acuática.

 

2. Toda autorización ou concesión referente o dominio público hidráulico deberá contar cun informe da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

3. En todas aquelas concesións de augas que supoñan unha modificación apreciable de caudais circulantes polo curso fluvial, será preceptiva a determinación actualizada e xustificada do réxime natural de caudais, así como dos efectos da detracción sobre o ecosistema acuático.

 

4. A posta en funcionamento de instalacións que supoñan a detracción apreciable de caudais dun curso de auga, tras un período de inactividade de máis de tres anos, requirirá a previa determinación ou actualización do caudal ecolóxico a través dun procedemento de  avaliación de efectos ambientais.

 

5. O concesionario dun aproveitamento hidráulico deberá instalar e manter en bo funcionamento un sistema que permita medir, en calquera momento, de forma sinxela e coa suficiente aproximación, tanto o caudal ecolóxico como o derivado cara as súas instalacións.

 

6. Para os efectos do presente regulamento, o caudal de concesión enténdese que e detraído no inicio da canle de derivación, e non pode ser derivado máis caudal có concedido. As dimensións das infraestructuras de captación e derivación de nova construcción serán tales que non permitan a conducción dun caudal maior có concedido. No caso de instalacións preexistentes, estarán dotadas dun módulo ou calquera outro dispositivo que limite o caudal derivado ó de concesión.

 

Artigo 74º.-Caudais ecolóxicos.

 

1.Entenderase por caudal ecolóxico a reserva de caudal que necesaria e obrigatoriamente deberá deixarse circular polo leito dun río para compatibilizar, en cada época do ano, os efectos das detraccións de auga sobre o ecosistema acuático co mantemento das comunidades animais preexistentes e, en xeral, co adecuado funcionamento do citado ecosistema.

Este caudal ecolóxico non poderá ser obxecto de aproveitamento hidráulico. Nos procedementos para a súa determinación, deberase solicitar informe preceptivo da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

2.O réxime de caudais ecolóxicos determinarase considerando as peculiaridades de cada caso, facendo especial fincapé na morfoloxía do leito, nas necesidades das especies piscícolas autóctonas do curso fluvial e na fenoloxía natural da conca ou subconca. O método elixido incluirá estes requisitos e deberá estar suficientemente contrastado e sancionado pola práctica.

 

3.O organismo de conca que determine un caudal ecolóxico concreto deberá respecta-lo concepto de caudal ecolóxico definido neste regulamento.

 

Artigo 75º.- Variación dos caudais.

 

1. Con carácter xeral, toda variación de caudal dun curso fluvial motivada por calquera tipo de aproveitamento hidráulico deberase facer paulatinamente, sen cambios bruscos no réxime de augas: a taxa de variación por minuto non poderá ser maior do 3% do caudal máximo concedido ou de 250 l/s por minuto, agás no momento de inicia-lo funcionamento logo dunha interrupción, no que se poderá verter ata un 20% do caudal de concesión, cun máximo de 1.500 l/s.

No caso de concesións anteriores á entrada en vigor deste regulamento nas que, debido á imposibilidade técnica, non poidan graduarse as variacións de caudal segundo o establecido con carácter xeral, establecerase un acordo coa entidade concesionaria da explotación no que necesariamente se establezan, para cada caso, as taxas de variación de caudais, así como os investimentos que a entidade concesionaria debe realizar anualmente para compensa-las alteracións producidas no hábitat piscícola. No resto dos casos efectuaranse as modificacións necesarias para consegui-lo cumprimento do regulamentado no prazo máximo de doce meses, contados a partir da entrada en vigor do presente regulamento.

 

2. Na zona de influencia de caída de presas, encoros e demais aproveitamentos hidráulicos nos que   se liberen caudais que pola súa magnitude supoñan un perigo para as persoas, o concesionario deberá instalar sinais acústicos ou luminosos que advirtan suficientemente sobre a apertura inminente das comportas e o incremento de caudais. A localización e características técnicas dos sinais serán reguladas polos organismos competentes.

 

Artigo 76º.- Pasos e escalas.

 

1. Co obxecto de facilita-las migracións periódicas dos peixes ó longo dos cursos fluviais, tódalas presas, diques ou canles deberán te-la pertinente escala, paso, esclusa, ascensor ou calquera outro dispositivo que permita o seu eficaz franqueo polas poboacións migradoras, tanto en ascenso como en descenso.

No caso de obstáculos que dispoñan dun paso ou escala construído de acordo coa normativa anterior a entrada en vigor da Lei de pesca fluvial, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá efectuar as modificacións precisas para garanti-lo seu óptimo funcionamento.

 

2. Nas presas levantadas con anterioridade a Lei de pesca fluvial, cando debido á imposibilidade técnica non sexa posible construír un dispositivo de franqueo, estableceranse outras alternativas baseadas nun proxecto técnico aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, sen prexuízo das competencias doutros organismos.

Nos casos de presas situadas augas arriba de obstáculos naturais de máis de 5 m de altura, e polo tanto infranqueables para determinadas especies piscícolas, a devandita dirección xeral poderá acorda-la suficiencia de dispositivos de franqueo aptos para especies concretas ou a ausencia deles, agás cando a presa se sitúe a unha distancia do obstáculo maior de 200 m ou de 10 veces a anchura media do leito fluvial.

 

3. Naqueles rios habitados por salmón ou reo, consideraranse as necesidades destas especies á hora de deseñar e poñer en funcionamento os dispositivos de franqueo.

 

4. As solicitudes e os proxectos de tódalas presas, diques ou canles que se pretendan construír nas masas acuícolas deberán presentar e, de se-lo caso, executar:

 

a). Un estudio de avaliación de impacto ambiental ou, se e o caso, de efectos ambientais, e do réxime natural de caudais.

                              

b). A previsión da pertinente escala, paso, esclusa, ascensor ou calquera outro dispositivo que permita o seu eficaz franqueo polas poboacións migradoras, tanto en ascenso como en descenso. O proxecto deste dispositivo deberá ser informado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

c). As previsións de tipo constructivo para o mantemento en todo tempo do caudal ecolóxico mínimo polo leito do río e do que deberá verterse polos dispositivos de franqueo para asegura-lo seu correcto funcionamento. O caudal que circule polo citado dispositivo poderá ser unha fracción do caudal ecolóxico e nunca será superior nin inferior a aquel que garanta o franqueo das especies piscícolas.

 

5. Unha vez construído o dispositivo de franqueo, e previamente á aprobación definitiva pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, deberase comproba-lo seu correcto funcionamento, e prever elementos constructivos provisionais que permitan realiza-las modificacións oportunas e que, posteriormente, se poderán facer definitivos. Tódalas operacións necesarias para o funcionamento do dispositivo de franqueo e do dispositivo de liberación do caudal ecolóxico serán executadas polo concesionario, tanto durante as fases de instalación e mantemento como á hora de face-las modificacións que a citada consellería estableza.

 

6. Na colocación do dispositivo de franqueo terase en conta que a súa chamada sexa suficiente, tanto augas arriba como augas abaixo. A entrada de augas abaixo disporá dunha poza no leito do rio que permita o repouso dos peixes e a torna do paso con facilidade. A saída de augas arriba será directamente ó leito e, en ningún caso, desembocará na canle de derivación nin nas proximidades do seu inicio.

Os organismos hidráulicos non autorizarán as obras ou os traballos que se vaian realizar nas masas de auga da Comunidade Autónoma de Galicia que incumpran o anteriormente establecido, agás que xustifiquen axeitadamente a imposibilidade da súa realización, debéndolle solicitar informe previo á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

Artigo 77º.- Contaminación das augas.

 

1. Queda prohibido altera-la condición natural das augas con calquera tipo de producto contaminante que dane os ecosistemas fluviais, en especial a fauna acuática.

 

2. Toda actividade susceptible de provoca-la contaminación ou degradación das masas de auga continentais e, en particular, o vertido de augas e de productos residuais, requirirá autorización administrativa de conformidade coa nominativa vixente.

 

3. Sempre que algún vertido poida afecta-la riqueza piscícola ou o ecosistema fluvial, o órgano competente para a concesión da autorización administrativa deberá demandar ó solicitante a presentación dun estudio que inclúa análises fisicoquímicas e biolóxicas que caractericen, ó longo do ano, a calidade da auga na masa de auga afectada, así como unha avaliación dos efectos do vertido e do grao de mantemento dunhas condicións mínimas para o desenvolvemento da fauna acuática. O devandito estudio será remitido á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para o seu informe.

 

Artigo 78º. Inspección e control da calidade das augas.

 

1. Os axentes da gardería dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes encargaranse da toma de mostras para determina-la calidade das augas continentais da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias doutros organismos e das actuacións doutros corpos que teñan funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats.   

      

2. Cando se proceda a realizar un control periódico ou a avalia-los efectos dun vertido sobre as  poboacións piscícolas, porase tal circunstancia en coñecemento dun representante da persoa, física ou xurídica, responsable do vertido, podéndose entender como tal o responsable ou encargado das instalacións ou da execución das obras ou traballos que xerasen o vertido. Este representante poderá, se así o desexa, acompañar ós axentes durante o desempeño da súa función.

 

3. Nos labores de inspección e control de vertidos realizaranse in situ as determinacións fisicoquímicas e as análises biolóxicas que se consideren necesarias. Cando non se dispoña dos medios necesarios, e a complexidade das análises así o requira ou se sospeite da existencia de efectos negativos para o ecosistema acuático, procederase a tomar mostras de auga e, de se-lo caso, mostras de sedimentos, de indicadores biolóxicos ou de organismos afectadas polo vertido.

 

4. Para realiza-las análises e a toma de mostras seleccionaranse tres puntos, un deles augas arriba do vertido, outro no puto onde as augas do vertido entran no río, e un terceiro nun punto afectado polo vertido e situado a unha distancia mínima de quince metros augas abaixo deste. Nestes tres puntos, ademais das mostras que queden en poder da Administración tomaranse outras que se porán a disposición do representante do responsable dos vertidos, agás que manifeste que non desexa recibilas. Así mesmo, para os efectos de caracteriza-lo vertido, determina-lo treito afectado por el ou avalia-lo grao de alteración do medio acuático, os axentes da autoridade poderán tomar mostras nos puntos adicionais que coiden necesarios.

 

5.  Os envases que se empreguen na toma de mostras serán precintados e etiquetados, e deberá figurar en cada un deles unh clave identificativa da mostra, a data, o lugar e a hora da mostraxe.

 

6.  As mostras que queden en poder da Administración serán levadas a un laboratorio dependente dela para a súa análise. Nas análises realizadas nun laboratorio non dependente da Administración, requirirase que este estea en posesión do título de empresa colaboradora, establecido na lexislación de augas, e que xunto os resultados figure o nome, o cargo e a titulación de tódalas persoas que participasen na manipulación e análise das mostras, así como a sinatura do técnico responsable do laboratorio.

 

7. Non obstante o preceptuado no apartado 2, cando o vertido sexa discontinuo no tempo ou cando exista o risco de que se produza un cambio voluntario e intencionado das súas características,os axentes responsables da inspección realizarán a comunicación preceptiva inmediatamente despois da realización das análises in situ, do precintado dos envases e da redacción da correspondente acta. Neste caso, tódalas tarefas realizaranse en presencia de dúas testemuñas que asinarán a citada acta. De persistiren as circunstancias que motivaron a inspección, poderán realizarse novas determinacións analíticas ou unha nova toma de mostras en presencia do representante do responsable do vertido, se este así o demanda. Todas estas deberán quedar reflectidas na acta que se levante.

 

8. Cando nas instalacións ou no lugar das obras ou traballos que xeraran o vertido non se atope ninguén, remitiráselle ó responsable do vertido unha copia da acta levantada. Neste mesmo caso, e sempre que estea garantido que os resultados analíticos de laboratorio non se verán alterados polo paso do tempo, as segundas mostras quedarán en poder do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, que porá en coñecemento dos interesados, no menor prazo de tempo posible, a existencia de tales mostras e poraas á súa disposición durante un prazo de 15 días naturais, transcorrido o cal entenderase que renuncian á recepción das devanditas mostras.

 

Artigo 79º.- Actas de toma de mostras e de análises.

 

Cando se realicen análises in situ ou toma de mostras, levantarase unha acta na que deberán constar, polo menos, os seguintes datos:

 

a). Data e hora.

 

b). Río, lugar e municipio.

 

c). Identificación do responsable dos vertidos, sexa persoa física ou xurídica, e do seu representante no momento das análises ou da toma de mostras.

 

d). Instrumental analítico empregado, se é o caso, e data da última calibración.

 

e). Resultados de tres determinacións realizadas en auga fluínte de cada un dos puntos establecidos no apartado 7, cando se teñan realizado análises in situ

 

f). Claves identificativas dos envases empregados na toma de mostras, se é o caso, e especificación dos puntos de mostraxe ós que corresponden.

 

g). Apartado de observacións, onde se farán consta-los motivos da inspección, as alegacións do representante do responsable do vertido e calquera outra circunstancia que se considere oportuna

 

h). Sinatura do representante do responsable do vertido; farase constar, de se-lo caso, se se nega a acepta- las mostras de auga ou a asina-la acta.

 

i). Identificación e sinatura dos axentes da autoridade actuantes, doutros representantes da Administración presentes e, se é o caso, das testemuñas. Unha copia da acta será entregada ó representante do responsable do vertido, e farase constar se renuncia á súa recepción.

 

Artigo 80º.- Calidade mínima   esixible ás augas continentais.

 

1. Con carácter xeral, as augas continentais afectadas por algún tipo de vertido deberán, en todo momento, cumpri-los criterios de calidade das augas que se reflicten no anexo V deste regulamento e aqueloutros establecidos pola CEE para os ríos de salmónidos.

 

2. Os vertidos non autorizados e os que incumpran os termos da autorización de xeito que no segundo punto de mostraxe dos definidos no artigo 78 deste regulamento non cumpran os criterios de calidade reflectidos no citado anexo V ou os establecidos pola CEE para ríos de salmónidos, terán a consideración de infracción administrativa grave das tipificadas no artigo 35.9 da Lei de pesca fluvial, podéndose esixi-la indemnización que correspondese. Se o vertido incluíse substancias tóxicas ou perigosas para a fauna piscícola, a infracción será tipificada de acordo con esta circunstancia.

 

3. No caso de vertidos múltiples nos que unicamente o efecto conxunto de todos eles sexa nocivo para a riqueza piscícola, porase esta circunstancia en coñecemento do organismo que outorgase as autorizacións e dos responsables dos vertidos para que se adopten as medidas correctoras oportunas. Unha copia da acta será entregada ó representante do responsable do vertido, e farase constar se renuncia a súa recepción.

 

Artigo 81º.-Alteración de fondos e marxes. .

 

1. Para o aproveitamento e a utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas terase en conta o preceptuado no artigo 16, parágrafo segundo, da Lei de pesca fluvial e no artigo 56.2 do presente regulamento.

 

2. Precisarase informe preceptivo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para modifica-la vexetación das beiras e marxes, sempre que esta afecte a zona de servidume das augas públicas.

O citado informe será realizado polo Servicio de Medio Ambiente Natural da provincia correspondente. Nel terase en conta especialmente a estabilidade das beiras dos ríos, a dispoñibilidade de refuxios para a fauna e as relacións de luminosidade e sombra que precisan as poboacións acuáticas.

No caso de que o informe sinale unha incidencia negativa desta modificación sobre as poboacións piscícolas ou a ecoloxía das augas, o organismo de conca deberá adoptar ou propoñerlle ó titular do aproveitamento as condicións necesarias para evita-lo impacto negativo.

 

3. Cando a modificación afecte ó cambio de vexetación arbórea ou arbustivo na zona de servidume das augas, terase en conta o establecido no artigo 16, apartado primeiro, da Lei de pesca fluvial e no artigo 56.1 deste regulamento. Se se quixesen plantar outras especies, incluíndo cultivos agrícolas, será preceptiva a autorización do correspondente Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

 

4. Prohíbese modifica-los leitos e desvia-lo curso natural das augas públicas sen contar co informe pertinente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, independentemente doutros que sexan precisos.

 

5. Calquera concesión de extracción de áridos dos ríos deberá contar cun informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no que se especifique que a devandita extracción non supón ningún perigo ou obstáculo para o remonte, a desova ou a vida da fauna ictícola.

 

6. Os informes citados nos dous apartados anteriores serán realizados polo Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, quen imporá, de se-lo caso, as medidas correctoras, de protección da fauna acuícola ou de restauración do hábitat que considere pertinentes, deberán os responsables da realización dos traballos respectar e executa-las recomendacións efectuadas.

 

7. Evitarase a realización de accións que leven consigo a alteración de fondos e marxes nas épocas nas que se poida afectar a reproducción e posterior desenvolvemento das crías dos peixes, e escolleranse métodos de traballo que minimicen os riscos para as poboacións acuáticas. Así mesmo, evitarase entorpece-la actividade da pesca nos períodos hábiles.

 

8. Aquelas accións lesivas para o medio que non se poidan evitar levarán parella a obriga de repoñer, compensar ou indemniza-la afección dos bens públicos.

 

Artigo 82º.-Reixas e outros dispositivos de control.

 

1. En toda obra de toma de auga, así como á saída das canles de fábricas, muíños ou turbinas, deberá existir un dispositivo que impida o acceso da poboación ictícola ás ditas correntes de derivación ou achega.

 

2. Nas augas habitadas por salmón ou reo, incluíndo as áreas accesibles mediante sistemas de franqueo, os dispositivos deberán garantir que a súa eficacia é igual ou superior á dunha reixa de 2 cm de luz entre platinas. O seu deseño e instalación será tal que non atrape os peixes máis pequenos de xeito irreversible, evitando que queden atorados, sexan esmagados contra os devanditos dispositivos pola velocidade da corrente, ou sexan extraídos da auga polo mecanismo de limpeza sen garanti-la súa supervivencia.

Nas augas habitadas por troita residente ou ciprínidos os dispositivos de protección do inicio das canles de derivación terán unha eficacia demostrada igual ou superior á dunha reixa de 4 cm de luz entre platinas, e de 2 cm ó final das devanditas canles.

 

3. Naqueles aproveitamentos hidroeléctricos mediante turbinas nas que o funcionamento sexa compatible co paso das poboacións ictícolas a través delas cunha alta porcentaxe de supervivencia, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá aprobar solucións alternativas ós dispositivos de interdicción establecidos anteriormente.

Nos casos nos que as medidas contidas no punto 2 se demostren insuficientes, deberanse implantar dispositivos máis selectivos, ben durante todo o ano ou ben na época de baixada de xuvenís, combinando, de se-lo caso, esta protección con dispositivos de restitución dos peixes ó curso principal do río.

 

4. Os donos ou concesionarios están obrigados á instalación dos dispositivos de protección da fauna, a facilita-la inspección e control do funcionamento, a mantelos operativos e a corrixi-los desaxustes detectados.

 

5. Os dispositivos de interdicción das canles de restitución deberán evita-lo acceso dos peixes ó seu interior; farase especial énfase en evita-la desorientación das especies migradoras con respecto ó curso principal, de xeito que non se produza aglomeración de peixes diante da saída da canle e que estes sexan guiados cara ó leito principal. Para isto, o caudal aparente da canle de restitución deberá ser menor có do leito principal, instalando dispositivos de amortecemento ou crebaondas que rebaixen a velocidade das augas.

 

Artigo 83º. Esgotamento de masas de auga.

 

1. Agás circunstancias excepcionais, sempre que un particular ou unha entidade concesionaria dun aproveitamento hidráulico vaia proceder á anulación ou ó baleirado, total ou parcial, dunha masa de auga na que exista poboación ictícola que poida verse afectada pola reducción ou desaparición da masa de auga, deberallo comunicar cunha antelación mínima dun mes ó órgano competente, que deberá notificarllo inmediatamente a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para que esta estableza as medidas que deberán de adoptarse co obxecto de protexe-la citada poboación. En todo caso, deberase practica-la devandita comunicación sempre que o volume de auga baleirado sexa maior có 80% do volume máximo da masa de auga.

 

2. As medidas citadas serán fixadas polo Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, que vixiara e coordinará a súa execución e, logo da adopción das medidas previas, autorizará a anulación ou o baleirado coas condicións que garantan a protección e conservación da fauna acuática.

 

3. Os gastos derivados da toma de medidas necesarias para evitar mortandade de peixes ou riscos para a riqueza piscícola correrán por conta do concesionario, que igualmente será responsable dos danos e perdas ocasionados.

 

4. No caso concreto de canles de derivación, non será necesario o devandito aviso no caso de descensos de nivel ocasionados por interrupcións nas operacións de producción que non poidan preverse coa dita antelación mínima dun mes, sen prexuízo das responsabilidades derivadas das mortandades ou danos que se lles puidesen causar as poboacións piscícolas.

 

TÍTULO IV

 

O control e a policía das augas continentais

 

Artigo 84'.-Axentes da gardería.

 

1. Sen prexuízo do establecido na lexislación vixente, e malia as demais misións que desempeñen, os axentes da gardería dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes encargaranse especificamente de velar polo cumprimento dos preceptos establecidos na Lei de pesca fluvial e neste regulamento, e de denuncia-las infraccións que contra os devanditos preceptos se produzan, tendo, para tales efectos, a consideración de axentes da autoridade.

 

2. Os feitos constatados polos axentes da autoridade, e que se formalicen en documento público que recolla os requisitos legais pertinentes, terán valor probatorio, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos e intereses poidan sinalar ou presenta-los propios administrados.

 

3. Para o cumprimento das súas funcións, e sempre que as circunstancias de cada caso o aconsellen, os axentes da gardería solicitarán o apoio necesario das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Policía Autonómica ou de calquera outro corpo que teña funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats.

 

 

Artigo 85º.-Vixilantes xurados de pesca fluvial.

 

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderalles outorga-lo título de vixilante xurado de pesca fluvial ás persoas que cumpran os requisitos legalmente establecidos, co obxecto de colaborar no cumprimento do disposto na Lei de pesca fluvial e no presente regulamento cos axentes da gardería, coa Policía Autonómica e, se é o caso, coas Forzas de Seguridade do Estado ou de calquera outro corpo que teña funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats. Para estes efectos, terán a consideración de axentes da autoridade.

 

2. Os concesionarios de calquera tipo de aproveitamento piscícola que deban ou desexen ter vixilantes, solicitarán o nomeamento deles como vixilantes xurados de pesca fluvial. Nestes casos deberase acredita-la relación laboral existente entre os concesionarios e os vixilantes, e será por conta dos primeiros tódolos gastos derivados da prestación dos servicios de vixilancia, incluíndo salarios, cotizacións e equipamento. Estes vixilantes quedarán obrigados a respectar e acata-las directrices e normas que dicte o Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural e terán o seu ámbito de actuación restrinxido ós límites da concesión.

 

Artigo 86º.- Nomeamento e cesamento dos vixilantes xurados de pesca fluvial.

 

1. Para obte-lo nomeamento de vixilante xurado de pesca fluvial, deberanse cumpri-los seguintes requisitos:

 

a). Ser español e maior de idade.

 

b). Non ter sido sancionado pola comisión dunha infracción menos grave, grave ou moi grave das tipificadas na Lei de pesca fluvial de Galicia ou nas súas equivalentes do resto de Estado.

 

c). Estar en posesión do carné de conducir tipo B-1

 

d). Non padecer defecto físico ou psíquico incompatible co desempeño das funcións de vixilancia

 

e). Acreditar coñecementos suficientes sobre as normas reguladores da pesca fluvial, a potestade sancionadora da Administración, os ecosistemas fluviais, a bioloxía das especies piscícolas, e as artes, cebos e modalidades de pesca.

 

f). Superar unhas probas físicas que acrediten a aptitude para exerce-las funcións de vixilancia.

 

2. O expediente para o nomeamento de vixilantes xurados de pesca fluvial será iniciado nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural, onde tamén se realizarán tódalas probas anteriormente establecidas.

 

3. Os vixilantes serán nomeados pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural por un período máximo de cinco anos. Xunto co nomeamento expediráselles un carné acreditativo que será renovado anualmente no servicio provincial do que dependa cada vixilante.

 

4. O cesamento ou suspensión das funcións dos vixilantes será acordado pola dirección xeral, logo da incoación do oportuno expediente no Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural. En calquera caso, a finalización ou rescisión do contrato laboral de vixilancia dará lugar automaticamente á anulación do nomeamento. 

 

TÍTULO V

 

Prohibicións, infraccións, sancións e procedemento sancionador

 

Capítulo I

 

Prohibicións

 

Artigo 87º.-Prohibicións en beneficio da pesca.

 

Queda prohibido en tódalas augas continentais da Comunidade Autónoma galega:

 

1. Pescar con cana ou outras artes en época de veda.

 

2. 0 emprego con fins de pesca de:

 

a). Calquera material explosivo ou substancia que o contacto coa auga produza explosión.

 

b). Toda substancia velenosa para a poboación ictícola ou desosixenadora das augas.

 

c) . A enerxía eléctrica.

 

3. Bater nas augas, guindar pedras ou espantar de calquera xeito os peixes para obrigalos a fuxir en dirección das artes propias ou para que non caian nas alleas, así como ceba-las augas para atrae-los peixes ás artes propias.

 

4. Pescar, con calquera tipo de arte, nas canles de derivación ou de rega.

 

5. Pescar a man, con arma de fogo, golpea-las pedras que ]les sirvan de refuxio os peixes, así como a práctica da pesca subacuática.

 

6. Reducir arbitrariamente o caudal das augas, altera-los leitos e destruí-la vexetación acuática ou de ribeira.

 

7. A pesca de salmóns e de reos durante o seu descenso ó mar unha vez realizada a desova.

 

8. Deteriorar, inutilizar ou trasladar sen autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes os aparellos de incubación artificial que estean instalados nas augas continentais. Destruí-los desovadoiros, enturba-las augas ou guindar materiais que os prexudiquen.

 

9. Pescar salmóns ou reos nas rías e augas marítimas interiores competencia da Comunidade Autónoma.

 

10. Pescar durante a costeira do salmón e reo nas entradas dos ríos ou nas zonas de paso destes.

 

11. Facer seguimento dos desprazamentos de salmóns e reos por calquera sistema ou instalar medios que os detecten, salvo cando se conte con autorización expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

12. Empregar calquera outro procedemento de pesca que sexa declarado nocivo pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

13. A práctica de actividades recreativas ou deportivas distintas da pesca naquelas masas de auga declaradas como coutos de pesca, vedados de pesca, desovadoiros ou de especial interese para a riqueza piscícola, salvo cando se conte con autorización do Servicio Provincial de Medio Ambiente

 

Artigo 88º.- Obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos.

 

1. Queda prohibida a construcción ou colocación de calquera tipo de obstáculo, permanente ou transitorio, que sirva para encamiña-la pesca para a súa captura.

 

2. En augas continentais da Comunidade Autónoma galega non se poderá utilizar ningún tipo de rede ou artefacto de malla, excepto as nasas utilizadas na pesca de anguías e lampreas, sen que en ningún caso se poida supera-lo número de dez por pescador. As formas e dimensións que deberán ter estas nasas, así como a distancia da beira á que poderán colocarse, determinaranse nunha regulamentación específica da pesca profesional en augas continentais, poderase restrinxir ou mesmo prohibir temporalmente O seu uso.

Para a pesca da lamprea, da angula e da anguía autorizaranse cotas de captura anuais a asociacións profesionais de pescadores, logo de aprobación dun plan de aproveitamento específico para cada conca fluvial. Deste mesmo xeito poderán regularse os aproveitamentos de especies de augas salgadas en zonas de desembocadura.

Cando nalgún curso fluvial existan razóns que así o aconsellen, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá autoriza-lo uso de redes ou artefactos de malla durante períodos determinados e en tramos concretos. Nos encoros que se atopen invadidos por especies non salmónidas o nos que o seu control ou aproveitamento comercial sexa desexable, poderase autoriza-la pesca con rede.

Tamén se permitirá, para a pesca do cangrexo, a utilización de trueiros e redefoles, no número que se estableza, que nunca será superior a dez por pescador.

 

3. Queda prohibida a pesca durante a noite, agás para lamprea, angulas e anguías, naqueles lugares onde o autorice a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Enténdese por pesca nocturna a que se practica no período comprendido entre unha hora despois da posta do sol e unha hora antes da saída. As artes empregadas nestes casos só serán aptas para a pesca das especies citadas. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establecerá as horas hábiles para cada temporada de pesca, especie e masa de auga.

 

4. Prohíbese o uso de artefactos luminosos con fins de pesca agás para a anguía e a lamprea que deberán contar cunha autorización especial para cada temporada de pesca.

 

5. Non se permitirá para pescar a utilización de aparellos punzantes, agás na pesca da lamprea desde pontóns e logo de autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Así mesmo, non se poderán utilizar artes de tirón e áncora, calquera que sexa a súa forma.

 

6. Queda prohibido o uso de cordeis, sedelas dormentes e palangres.

 

7. Prohíbese pescar con calquera clase de artes fixas, como redes de cope, voitiróns, e, especialmente, coas chamadas de parada para troitas, aínda que non se suxeiten a estacas, caneiros ou cercas.

 

CAPITULO II

 

Infracción e sancións

 

Artigo 89º.- Clasificación

 

As infraccións ós preceptos da Lei de pesca fluvial e do presente regulamento clasificaranse en leves, menos graves, graves e moi graves.

 

Artigo 90º.-Infraccións leves.

 

Terán a consideración de infraccións leves e serán sancionadas con multa de ata 50.000 pesetas as seguintes:

 

1. Pescar sendo titular dunha licencia válida de pesca cando non se leve consigo esta e un documento acreditativo da súa identidade.

 

2. Pescar nun tramo acoutado, sendo titular do permiso regulamentario, cando non se leve consigo o devandito permiso.

 

3. Non garda-las distancias establecidas durante a práctica da actividade pesqueira, sen prexuízo do establecido no artigo 91.6 deste regulamento.

 

4. Pescar con máis canas das permitidas, con útiles auxiliares non autorizados ou con anzois, cebos ou modalidades de pesca legais pero non autorizados para determinada especie e masa de auga.

 

5. Pescar entorpecendo ou molestando a outros pescadores cando estivesen previamente pescando.

 

6. Non gardar, respecto doutros pescadores, mediando requirimento previo, unha distancia de 40 metros cando se pesca con ova, 30 metros con cola de rata ou 10 metros con outras modalidades de pesca.

 

7. Deixar transcorrer máis de media hora sen cede-lo seu posto ou pozo a un pescador de salmón que o requirise para facelo, se ó transcorre-lo devandito prazo non se trabase un exemplar.

 

8. Bañarse, navegar con lanchas ou embarcacións de recreo ou realizar actividades expresamente prohibidas entorpecendo a práctica das actividades reguladas pola Lei de pesca fluvial e o presente regulamento, onde o desenvolvemento de tales actividades fose declarado e sinalado como preferente, e en todo caso nos acoutados, nos vedados, nos desovadoiros e nas masas de auga de especial interese para a riqueza piscicola.

 

9. Non respecta-las limitacións de número, peso ou tamaño fixadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para as capturas ou as prescricións especiais dictadas pola devandita consellería para determinados treitos ou masas de auga, agás que se proceda inmediatamente á devolución ás augas de orixe dos exemplares,

 

Artigo 91º.-Infraccións menos graves.

 

Terán a consideración de infraccións menos graves e serán sancionadas con multa comprendida entre 50.001 e 500.000 pesetas e inhabilitación para obte-la licencia de pesca, e para o exercicio desta actividade durante un ano, as seguintes:

 

1. Pescar sen as preceptivas licencias de pesca.

 

2. Empregar para a pesca embarcacións ou aparellos boiantes legais que non estean provistos da matrícula expedida pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

3. Utilizar, para extraer ou sacar da auga salmóns ou reos legalmente pescados, ganchos ou outros elementos punzantes que produzan feridas nos peixes.

 

4. Ter nas marxes, ribeiras ou beiras do río redes ou artefactos de uso prohibido e productos tóxicos ou explosivos cando non se xustifique razoadamente a súa aplicación a mesteres distintos da pesca.

 

5. Pescar cangrexos con artes non permitidas ou empregando a vez cada pescador máis trueiros, redefoles ou arañas dos que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes determine.

 

6. Pescar con cana ou outras artes autorizadas en zonas ou lugares vedados ou onde estea prohibido facelo.

 

7. Pescar con cana en ríos salmoneiros e de reos de xeito que o pescador ou o cebo se sitúen a menos de 50 metros do pé das presas, agás as somerxidas, ou das entradas e saídas das escalas ou dos pasos, ou nas canles de restitución de auga de instalacións legalmente autorizadas, a excepción da pesca con mosca ortodoxa a menos de 20 metros.

 

8. Pescar con cana ou outras artes autorizadas en época de veda.

 

9. Pescar facendo uso de luces que faciliten a captura das  especies, agás no caso de autorizacións especiais para a pesca da anguía, a angula e a lamprea.

 

10. Pescar en tramos acoutados sen estar en posesión do permiso regulamentario.

 

11. Pescar á man.

 

12. Remover ou pertuba-las augas con ánimo de espanta-los peixes e facilita-la súa captura.

 

13. Empregar cebos de uso non permitido ou ceba-las augas con fins de pesca, excepto nas zonas en que isto fose autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

14. Non restituír inmediatamente as augas os pintos de salmón, estivesen ou non con vida, ou calquera peixe que non fose capturado pola simple mordedura do cebo, senón da trabada do anzol en calquera parte do corpo deste, así como non restituír inmediatamente ás augas de orixe calquera peixe capturado por dispositivos de aproveitamento hidráulico.

 

15. Non respecta-las prescricións contidas nas concesións ou autorizacións outorgadas polas autoridades competentes, nas materias propias da Lei de pesca fluvial.

 

16. Empregar para a pesca de anguías e lampreas máis nasas das autorizadas por pescador ou de dimensións de malla menores das autorizadas.

 

17. A tenza, o transporte ou o comercio de salmóns e reos pescados no seu retorno cara o mar despois da desova.

 

18. A transgresión das obrigas derivadas do disposto no artigo 27 da Lei de pesca fluvial e no 83 deste regulamento.

 

19. Negarse a mostra-lo contido dos cestos, embornais ou recipientes, así como os aparellos empregados para a pesca ou negarse á ocupación das pezas ou ó comiso das artes empregadas cando sexa requirido por axentes da autoridade competentes en policía, control e vixilancia das augas e da fauna acuícola.

 

20. Descompoñe-los fondos ou leitos dos ríos afectando a zonas de cría e reproducción da fauna acuícola.

 

21. Cortar, destruír ou modificar de xeito significativo a vexetación acuícola e de ribeira sen autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, sen prexuízo do que estableza a lexislación especial; para estes efectos entenderase como modificación significativa o depósito de restos vexetais, producto de de cortas, nos leitos e zonas de servidume.

 

22. Extraer gravas, cascallos, arcas e outros áridos dos leitos sen autorización ou incumprindo as condicións que, para efectos piscícolas, estableza a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de acordo co establecido nos artigos 25.4 da Lei de pesca fluvial e 81.4 e 81.5 deste regulamento, sempre que non afecte a desovadoiros.

 

23. Guindar ou verter ás augas ou nas súas inmediacións lixo, inmundicias, desperdicios ou calquera outra substancia similar ás anteriores, sempre que sexan susceptibles de causarlles danos ós seres acuáticos, sen prexuízo do disposto na lexislación medioambiental.

 

24. A posesión, o transporte ou a comercialización de especies acuícolas, agás salmónidos, de tamaño menor ó regulamentario, ou de tamaño legal en época que estea vedada a súa pesca ou prohibida a súa comercialización, ou que non vaian amparadas polas guías, os precintos ou os sinais regulamentarios.

 

25. Entorpecérlle-la inspección de barcas, vehículos, muíños, fábricas, lonxas e demais dependencias non destinadas a vivendas ós axentes da autoridade competente en policía, control e vixilancia das augas e da fauna acuícola, cando se sospeite fundadamente a existencia de medios ou substancias prohibidas ou especies que polo seu tamaño, época ou calquera outra circunstancia teñan prohibida a súa posesión.

 

26. Entorpece-las servidumes de paso polas ribeiras e marxes establecidas en beneficio ou para o uso dos pescadores.

 

27. Utilizar lentes subacuáticos ou outros métodos que permitan localiza-los peixes desde dentro da auga e facilita-la súa pesca.

 

28. Colocarse de vixía durante a costeira do salmón e reo para rexistrar e avisa-lo seu paso con fins de pesca ou valerse doutros medios para segui-los desprazamentos destes así como vixia-la presencia ou o movemento dos axentes da autoridade para facilita-la pesca fraudulenta practicada por outros pescadores.

 

29. Entorpece-lo bo funcionamento das escalas ou dos pasos de peixes.

 

30. Non conservar en bo estado e funcionamento as reixas ou outros dispositivos de control instalados con fins de protexe-la riqueza piscícola, cando disto se derive o non cumprimento da súa función, ou quitar ou manipula-los precintos colocados neles pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

31. Non manter en perfecto estado de conservación e funcionamento, así como non realiza-las modificacións necesarias nas obras ou dispositivos realizados polos concesionarios por instancia da Administración cando estas obras fosen executadas co fin de harmoniza-los, intereses hidráulicos e piscícolas.

 

32. Colocar nas presas táboas ou outros materiais co fin de  altera-lo nivel das augas ou o caudal do rio, a menos que haxa unha aut orización para facelo outorgada polo organismo competente.

 

33.Derrubar, danar ou cambiar de lugar os fitos ou chantos indicadores de deslindes de xurisdiccións, competencia ou propiedade, así como os carteis de tramos acoutados, vedados, zonas de baño, desovadoiros e outros sinais colocados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou por outro organismo autorizado.

 

34. Poñer en funcionamento viveiros, criadeiros ou centros de piscicultura ou astacicultura sen a debida autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

Artigo 92º. Infraccións graves.

 

Terán a consideración de infraccións graves e serán sancionadas con multa comprendida entre 500.001 e 5.000.000 de pesetas e inhabilitación para obte-la licencia de pesca, e     para o exercicio desta actividade, durante un período dun ano e un dia a tres anos, as seguintes:

 

1. Pescar no interior das escalas ou dos pasos de peixes.

 

2. Practica-la pesca con redes en augas continentais sen estar en posesión da correspondente autorización concedida pola

Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

3. Pescar con redes nas inmediacións das desembocaduras dos rios salmoneiros ou de reos, ou nos lugares de paso destes nas épocas prohibidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou a competente en materia de pesca marítima e marisqueo.

 

4. Pescar dentro dos límites das rías e augas marítimas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia salmón ou reo.

 

5. Pescar utilizando artefactos ou instrumentos de uso prohibido, tales como cordeis, sedelas dormentes, tridentes, arpóns, fisga (agás autorización para lamprea), setas, grampíns, arpóns de catro ou seis puntas, bingo, pesca subacuática, armas de fogo ou de aire comprimido e embarcacións non permitidas.

 

6. Pescar utilizando peixes vivos como cebo, cando a especie que serve de cebo non estivese presente de forma natural na masa de auga onde se está pescando.

 

7. Destruír ou alterar desovadoiros debidamente sinalizados ou declarados como tales en publicación oficial.

 

8. Pescar exemplares por persoa non autorizada nas estacións de captura, piscifactorías, canles de cría ou outros análogos.

 

9. Provoca-lo enturbamento nas augas continentais mediante a incorporación ou remoción de áridos, arxilas, entullos, limos, residuos orgánicos ou industriais ou calquera outra clase de substancia que altere as súas condicións de habitabilidade piscícola, con dano para esta riqueza, sen a correspondente autorización expresa, que requirirá informe preceptivo do órgano ambiental competente en materia piscícola, ou incumpri-los límites establecidos na autorización de vertido. Entenderase que son alteradas as condicións de habitabilidade piscícola, con dano para esta riqueza, cando os parámetros de calidade das augas non se atopen dentro dos rangos de variación establecidos no anexo V ou nos que establece a CEE para ríos de salmónidos.

10. A formación de entullos en lugares que, pola súa proximidade ás augas ou ós leitos, sexan susceptibles de ser arrastrados por estas ou levados pola chuvia, co con seguinte dano para a poboación ictícola: Entenderase que incorre nesta infracción calquera tipo de obra nos leitos dos ríos ou nas súas proximidades que cause dano a riqueza piscícola, salvo que reúnan as debidas garantías para impedir que se produzan danos a riqueza piscícola e fosen autorizadas polo órgano hidráulico da conca correspondente.

 

11. Construír barreiras de pedras ou outros materiais, estacadas, cercados, atallos, caneiras, canizais ou pesqueiras con fins directos ou indirectos de pesca, así como colocar nos ríos artefactos designados para este fin, salvo os autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

12. Non cumpri-las condicións fixadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a defensa, a conservación ou o fomento da riqueza piscícola, cando aquelas fosen determinadas mediante acto que adquirise firmeza.

 

13. Non instala-las reixas regulamentarias ou os dispositivos de control nas canles, nos regos e nas presas de derivación ou desaugamento e similares.

 

14. A Posesión, o transporte e o almacenamento de salmón ou reo sen os precintos e as guías preceptivas.

 

15. A comercialización de toda especie de salmónidos en calquera época do ano, cando non procedan de centros industriais ou cando, procedendo destes, non vaian debidamente identificados de xeito que permitan o seu control de procedencia.

 

16. A resistencia ou a negativa a facilita-las inspeccións en locais públicos por calquera axente da autoridade co obxecto de efectua-las comprobacións oportunas sobre as posibles infraccións ó artigo 10.3 da Lei de pesca fluvial e 50.6 deste regulamento.

 

17. Pescar cando medie resolución firme que inhabilite ó interesado para o exercicio da pesca.

 

18. Introducir nas augas continentais e transportar con estes fins ovos ou exemplares de peixes ou cangrexos outros seres vivos piscícolas sen a correspondente autorización e control sanitario da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

19. Pescar durante as horas que estea prohibido facelo.

 

Artigo 93º.-Infraccións moi graves.

 

Terán a consideración de infraccións moi graves e serán sancionadas con multa comprendida entre 5.000.001 e 50.000.000 de pesetas e a inhabilitación para a obtención da licencia de pesca, e para o exercicio desta actividade, durante un período de tres anos  e un dia a dez anos as seguintes:

 

1. Pescar facendo uso de enerxía eléctrica, productos tóxicos ou desosixenantes, naturais ou artificiais, e explosivos ou substancias que ó contacto coa auga fagan explosión, salvo autorización expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

2. A non observancia do establecido no artigo 23 da Lei de pesca fluvial e 76 deste regulamento, referentes ós pasos e ás escalas.

 

3. A inobservancia dos caudais ecolóxicos establecidos, salvo autorización expresa.

 

4. O vertido incontrolado de residuos tóxicos e perigosos para a fauna acuícola nas marxes e nos leitos.

 

5. A obstrucción á inspección e ó control sobre a producción, transporte, almacenamento, tratamento, recuperación e eliminación de residuos tóxicos e perigosos que teñan ou poidan ter incidencias sobre a calidade das augas e biocenose dos cursos fluviais e das masas de augas da Comunidade Autónoma.

 

6. O falseamento de calquera dato referido ás operacións de producción e xestión de residuos tóxicos e perigosos, así como a negativa a subministra-la información solicitada pola Administración pública competente.

 

7. Esgotar ou diminuír notablemente o volume de auga dos encoros e das canles, así como a circulante polo leito dos rios, sen autorización, ou o incumprimento das condicións que para estes efectos se fixasen cando deste se deriven danos á riqueza piscícola.

 

8. Altera-lo caudal dun leito fluvial sen cumpri-lo establecido no parágrafo terceiro do artigo 22 da Lei de pesca fluvial e no artigo 75.1º deste regulamento.

 

9. Repoboar ou introducir nas augas continentais especies acuícolas sen a autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

10. Instalar ou trasladar, sen permiso da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e das entidades ou dos particulares autorizados para facelo, as piscifactorías, as estacións de captura, os aparellos de incubación artificial, os capturadeiros ou outros análogos, así como o seu dano ou prexuízo.

 

Artigo 94º.-Sancións a explotacións industrias.

 

No caso concreto de explotación ou construcción de viveiros ou centros de piscicultura ou de instalacións destinadas en xeral a algunha das actividades a que se refire a Lei de pesca fluvial ou este regulamento sen a debida autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, cando esta sexa necesaria, a sanción levará sempre aparellada a suspensión das actividades e, se é o caso, o peche definitivo da instalación se non reunise os requisitos para ser autorizada, así como a obriga de repoñer ó seu estado inicial os leitos e as masas acuícolas afectados.

 

Artigo 95º.-Gradación das sancións.

 

1.Serán circunstancias que hai que ter en conta para a gradación das sancións que se poidan impoñer nas distintas clases de infraccións:

 

a. A intencionalidade.

 

b. O dano producido á riqueza piscícola ou ó seu hábitat.

 

c. A reiteración ou reincidencia.

 

d. A agrupación ou organización para comete-la infracción.

 

e. O beneficio económico perseguido. 

 

f. A irreversibilidade do dano no ben protexido.

 

2. Tamén se poderán ter en conta os principios recollidos na Lei de protección ambiental de Galicia.

 

3. Se un só feito constitúe dúas ou máis infraccións administrativas, impoñerase a sanción que corresponda á de maior gravidade.

 

CAPÍTULO III

 

Procedemento sancionador

 

Artigo 96º .-Competencia

 

Correspóndelle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes o coñecemento e a resolución dos expedientes instruídos por infraccións dos preceptos obxecto da Lei de pesca fluvial e deste regulamento.

 

Artigo 97º.-Procedemento.

 

O procedemento sancionador axustarase á Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e disposicións concordantes, coas  !1 especialidades recollidas na Lei de pesca fluvial e no presente Regulamento.

 

Artigo 98º.-Iniciación e instrucción.

 

1. A iniciación e instrucción dos expedientes sancionadores correspóndelles ás delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia.

 

2. As denuncias e as peticións razoadas presentaranse por escrito, e nelas deberá figurar: a) A identidade da persoa que as presenta.

 

b). Os datos que permitan a identificación dos presuntos responsables.

 

e). O relato das conductas ou feitos que puidesen constituír infracción.

 

d) .A data, a hora e o lugar de comisión dos feitos.

 

e). De se-lo caso, a descrición das artes comisadas, a especificación do lugar de depósito, a descrición do tipo de cebos empregados e mailo número de peixes ocupados, con mención das especies, dos tamaños e do lugar de destino.

 

f). A sinatura dos denunciantes.

 

3. No caso de infraccións constatadas por axentes da autoridade, entregaráselle ó denunciado, de ser posible, un duplicado do oficio que se curse, e farase constar, de se- lo caso, as circunstancias que o impedisen.

 

4. O oficio de denuncia ou a petición que se remita ó órgano competente para inicia-lo expediente irá acompañado, de se-lo caso, dos seguintes documentos:

 

a) Actas de toma de mostras.

 

b). Xustificantes de entrega de comisos e ocupacións.

 

c). Informe relativo a todas aquelas circunstancias que puidesen resultar de relevancia e que non fosen reflectidas no oficio de denuncia máis que de xeito resumido.

 

5. A formulación dunha petición non vincula ó órgano competente para inicia-lo procedemento sancionador, aínda que este deberá comunicar ó órgano que a formulara os motivos polos que, de se-lo caso, non procede a iniciación do procedemento. Igualmente, cando se presente unha denuncia, deberáselle comunicar ó denunciante a iniciación ou non do procedemento.

 

Artigo 99º.-Actuacións previas.

 

1. Con anterioridade á iniciación do procedemento, poderanse realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación. En especial, estas actuacións orientaranse a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motiva-la incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que puidesen resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

 

2. As actuacións previas serán realizadas polos órganos que teñan atribuídas funcións de investigación, averiguación e inspección na materia e, no seu defecto, pola persoa ou órgano administrativo que determine o órgano competente para a iniciación do procedemento.

       

Artigo 100º.- Vinculación coa orde xurisdiccional penal.

 

1. Cando as accións ou omisións obxecto da infracción poidan ser constitutivas de delictos ou faltas, o órgano competente daralle traslado dos feitos á autoridade xudicial, e solicitará comunicación sobre as actuacións adoptadas.

 

2. Neste caso, se se incoase expediente administrativo, quedará en suspenso mentres non recaia resolución xudicial firme.

 

3. Se a autoridade resolvese que as accións ou omisións non constitúen delicto ou falta, alzarase a suspensión do expediente administrativo e continuarase o procedemento ata a súa resolución. En todo caso, os feitos declarados probados por resolución xudicial penal firme vinculan os órganos administrativos respecto dos procedementos sancionadores que se substancien.

 

4. A tramitación das dilixencias xudiciais interromperá a prescrición das infraccións, accións e responsabilidades, así como o cómputo dos períodos de caducidade do  expediente.

 

Artigo 101º.-Resolución dos expedientes.

 

1. A resolución dos citados expedientes corresponderá:

 

a). No suposto de infraccións leves e menos graves, ó delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

 

b). No suposto de infraccións graves, ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

 

c). No suposto de infraccións moi graves, ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

 

2. A resolución destes expedientes, ademais da sanción que se é o caso proceda, levará aparelladas as medidas que  se fixen para minorar ou soluciona-los efectos negativos causados.

 

Artigo 102º.-Reparación de danos.

 

Os infractores ós preceptos da Lei de pesca fluvial e do presente regulamento quedan obrigados a repara-lo dano ou a asumi-lo custo derivado da reparación, se esta fose efectuada pola Administración.

 

Artigo 103º.-Recursos.

 

Contra as resolucións dictadas polas autoridades facultadas para sancionar poderanse interpoñe-los recursos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A resolución do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes poralle fin á vía administrativa.

 

Artigo 104º.-Multas coercitivas.

 

Cando os infractores viñesen obrigados a reparar persoalmente o dano ou a non efectuar unha actividade en beneficio do ben xurídico protexido e incumprisen a dita obriga, poderán ser obxecto de reiteradas multas coercitivas ata consegui-lo seu cumprimento.

 

A primeira imposición da multa caberá, cando transcorrese o prazo fixado na resolución administrativa, para a satisfacción da obriga. Aquela repetirase cada vez que transcorra un prazo similar sen efectuarse a reparación ou abstención.

 

A contía das multas coercitivas será un tercio da sanción pecuniaria imposta con motivo da infracción.

 

Artigo 105º.-Prescrición e caducidade.

 

1. As infraccións ós preceptos da Lei de pesca fluvial e do presente regulamento prescribirán, as leves e menos graves ós seis meses, e as graves e moi graves ós doce meses, contados desde a data da súa comisión, se antes de transcorre-lo devandito prazo non se lle notificou ó presunto infractor a incoación do expediente sancionador ou se, ó iniciarse, se producise a paralización das actuacións por tempo superior ós anteditos prazos por causa non imputable ó denunciado.

 

2. Cando a infracción fose continuada, o cómputo do prazo de prescrición iniciarase a partir do momento no que se produce o último acto co que a infracción se consuma.

 

3. De non recaer resolución transcorrido un ano desde a iniciación do expediente, tendo en conta as posibles interrupcións do cómputo por causas imputables ós interesados ou pola suspensión do procedemento a que se retire o artigo 100 desde regulamento, iniciarase o cómputo do prazo de caducidade establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o prazo de caducidade, o órgano competente emitirá, por solicitude do interesado, certificación na que conste que caducou o procedemento e foron arquivadas as actuacións.

 

4. As responsabilidades derivadas de infraccións recollidas na Lei de pesca fluvial ou no presente regulamento prescriben ós dous anos, contados a partir da data na que a sanción sexa firme.

 

CAPITULO IV

 

Indemnizacións e comisos

 

Artigo 106º.-Indemnizacións.

 

1. As sancións serán compatibles coa esixencia ó infractor da indemnización correspondente polos danos e perdas que se lles causasen á riqueza ictícola ou o medio que a substenta.

 

2. Os servicios de Medio Ambiente Natural procederán á valoración en cada caso dos danos e prexuízos causados pola infracción tendo en conta o potencial productivo da masa de auga e os parámetros recollidos no anexo VI deste regulamento.

 

3. Sen prexuízo dos baremos recollidos no anexo VI, as indemnizacións poderán ser avaliadas e cuantificadas por outros procedementos baseados en métodos técnicos, que se determinarán e motivarán durante a tramitación.

 

4. En caso de que a infracción afecte a un couto que sexa explotado por un organismo, sociedade ou particular distinto da Administración, deberáselle aboa-la indemnización por danos e perdas

 

5. O importe das indemnizacións deberase destinar a melloras para palia-los danos ocasionados a masa fluvial.

 

Artigo 107º.-Ocupación de pezas.

 

1. Toda infracción ó establecido na Lei de pesca fluvial e neste regulamento levará consigo a ocupación das pezas, vivas ou mortas, obxecto da devandita infracción.

 

2. Se as pezas ocupadas tivesen posibilidades de sobrevivir, o axente denunciante devolveraas ó seu medio, a ser posible ante testemuñas, facendo constar tal circunstancia no parte de denuncia.

 

3. Cando as pezas estean mortas ou non teñan posibilidades de sobrevivir, entregaranse a un centro benéfico ou, no seu defecto, á alcaldía que corresponda, con idéntico fin, e deberase xuntar ó oficio de denuncia o recibo de entrega.

 

Artigo 108º.-Comiso.

 

1. Sen prexuízo das responsabilidades establecidas na Lei de pesca fluvial e neste regulamento, poderán caer en comiso tódolos aparellos, artes, utensilios, instrumentos, substancias e embarcacións empregados para a comisión dalgún dos feitos tipificados como infraccións menos graves, graves ou moi graves.

 

2. Con carácter xeral, os comisos depositaranse en dependencias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. No caso de que os referidos comisos resultasen de difícil conservación ou mantemento, poderán permanecer en depósito en poder do seu propietario, a disposición da Administración, quedando no seu poder a documentación que en cada caso habilite para o seu uso.

 

3. De acordo coa resolución do expediente sancionador, cando o uso dos obxectos comisados sexa declarado ilícito serán

destruídos, e levantarase a correspondente acta; se o uso fose declarado lícito, procederase á súa devolución ou rescate. Transcorridos dous anos desde que a resolución adquira firmeza sen que se produza a retirada ou rescate, procederase á cesión en poxa pública dos obxectos comisados.

 

4. As contías económicas obtidas pola cesión das artes, dos aparellos ou dos medios empregados de forma ilícita serán destinadas pola Administración á mellora da riqueza piscícola.

 

Disposición adicional única

 

No tramo internacional do río Miño e nos tramos compartidos do río Eo e Navia, este regulamento será de aplicación sempre e cando non contradiga as disposicións normativas de carácter estatal ou internacional.

 

Disposicións transitorias

 

Primeira.- As licencias e permisos de pesca expedidos con anterioridade á entrada en vigor do presente regulamento manterán a súa validez ata a fin do seu período de caducidade.

 

Segunda.- Mentres non sexan determinados os requisitos para a obtención da licencia da clase D, expedirase a correspondente licencia das outras clases nas que se fará constar a especie ou especies autorizadas e, de se-lo caso, as masas de auga nas que se pode practica-la pesca.

 

Terceira.-  Mentres non se determine o exame do pescador, expediránselle-las licencias a aqueles solicitantes que cumpran os demais requisitos para a súa obtención.

 

Cuarta.- Establécese un prazo de seis meses, ampliable en supostos xustificados, contado a partir da entrada en vigor deste regulamento, para a adaptación das instalacións, dos instrumentos e doutros mecanismos ás disposicións que supoñan unha innovación respecto da normativa anterior.

 

Quinta.- Os coutos de pesca existentes no momento de entrada en vigor deste regulamento manteranse vixentes, xunto coa súa normativa de pesca específica, mentres non se elaboren os oportunos plans de xestión de recursos piscícolas.

 

Sexta.- Os coutos de pesca que se atopen sometidos o réxime de consorcio cunha sociedade colaboradora no momento da entrada en vigor deste regulamento, manterán este estatus ata que se cumpra o prazo de extinción que o consorcio estableza, momento no que, de se-lo caso, se procederá á convocatoria do concurso público establecido neste regulamento.

 

Sétima.- O título de sociedade colaboradora, regulado pola normativa anterior a este regulamento, manterase vixente mentres non caduque o nomeamento, e mentres tanto estas sociedades terán consideración de entidades colaboradoras, sen prexuízo de que unha vez caducado o nomeamento deban de solicita-lo novo título de acordo co disposto neste regulamento.

 

Disposición derrogatoria única.- Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan o presente regulamento e expresamente os decretos 203/1983, do 10 de novembro e 166/1984, do 6 de setembro.